O rei ou raíña do Entroido de Foz 2020 elixirase no evento que se celebrará este sábado, día 23, na Sala Bahía.

O rei ou raíña do Entroido de Foz 2020 elixirase no evento que se celebrará na Sala Bahía este sábado, día 23, a partir das 20:00 horas. Este acto foi presentado polo concelleiro de Cultura, Héctor Moris Fernández, e polo presidente da asociación O noso Foz, Ángel Fernández Neira.

O edil de Cultura explicou: “este sábado damos o pistoletazo de saída ao noso Entroido 2020 coa elección do rei ou raíña. Este ano, tanto desde o Concello como desde a asociación O noso Foz, quixemos dar un paso máis e facer un acto público no que a xente poida participar, xa que cremos que é realmente a xente a que fai o grande este Entroido. Será un acto no que os e as aspirantes a rei ou raíña terán que pasar por unha serie de probas diante dun xurado composto por seis membros, que terá un peso na nota final do 60 por cento, e a valoración do público suporá un 40%”.

Héctor Moris engadiu que “a peña que máis tíckets do Gadis traia levará 10 entradas para a cea de coroación do rei ou raíña do Entroido. Ademais haberá festa con música e churrasco, para os que queiran”.