O sábado 5 de setembro disputarase o II Half Triatlón Ribadeo

O día 5 de setembro, sábado, disputarase o II Half Triatlón Ribadeo, un evento no que se darán cita arredor de 250 deportistas. Está organizado por Laetus Sport e conta coa colaboración do Concello ribadense.

Segundo explican os organizadores: “trátase dunha proba de carácter nacional puntuable para o ranking nacional de media e longa distancia e na que se disputará tamén o campionato galego nas modalidades Half Aquabike e Half Triatlón”.

A proba dará comezo na praia dos Bloques cun percorrido de natación de 1.000 metros para a distancia Short e 2.000 para a distancia Half, despois terá lugar un percorrido ciclista de 40 quilómetros e unha carreira a pé duns 10 quilómetros. Toda a información está dispoñible na páxina oficial www.halftriatlonribadeo.com.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, indicou que “esta proba está considerada un dos maiores expoñentes de turismo deportivo, xa que a maioría dos Half Triatlón que se celebran en España, unha vez consolidados, superan os 500 participantes. Son deportistas que acostuman a viaxar en familia e a permanecer na localidade un par de días, co que iso supón para os negocios e para economía local”.

Na presentación do II Half Triatlón Ribadeo participaron os concelleiros de Deportes, Igualdade e Turismo, Francisco José Silvent, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz; o técnico municipal de Deportes, Iván Rodríguez; e Víctor Martínez, xerente de Laetus Sport.