O Touporroutou celebrarase o 27 de febreiro no salón de actos do colexio Martínez Otero, en Foz.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o domingo, 27 de febreiro, a partir das 20:30 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero de Foz, unha nova edición do Touporroutou, espectáculo xa clásico do Entroido focego, que como en anteriores ocasións correrá a cargo do grupo Touporroutou Teatro, o grupo de pandeireteiras da Subela e o grupo de rock focego Os Kentakis.

A organización deste evento implica o retorno á actividade desta entidade cultural após o parón imposto nos últimos dous anos pola pandemia. Neste sentido a directiva do colectivo lembra que a última actividade promovida pola Pomba do Arco en 2020 foi precisamente o Touporroutou. Ao tempo, significa que a asociación programa para o mes de marzo e abril un completo programa de actos onde se recolle a recuperación das Xornadas de Arte.

A asociación cultural A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños e veciñas do concello a colaborar con esta actividade, agudizando o enxeño e achegando as súas coplas ás caixas colocadas en diversos establecementos de hostalería de Foz. Estas caixas atópanse no Pachán, no Muelle, no Lar, no Dandy, no Happy Days, no Xoyma, no Agarimo, no Chícaro, no Augas Santas e na Eskina.

O colectivo organizador introduce unha nova posibilidade de participación para a veciñanza. Neste sentido, abre unha conta de correo electrónico, apombadoarco@gmail.com para que os veciños que o desexen acheguen a súa composición ou copla pola vía dixital.

O éxito e a continuidade do Touporroutou depende da participación veciñal, “polo que solicitamos dos focegos e das focegas o seu apoio e a súa axuda, elaborando coplas e cantigas sobre os temas que consideren de interese, a fin de que esta actividade sexa realmente unha autentica crónica da vida social de Foz ao longo deste último ano”.