Os días 12 e 13 de abril haberá teatro para adultos e infantil no Pastor Díaz, en Viveiro, con Sarabela e Baobab

Sarabela Teatro chega o 12 de abril a Viveiro ás 20:30 horas coa comedia Made in Galiza. 

Sinopse
Como quen se deixa roubar o seu tesouro máis prezado, a actitude das galegas e dos galegos respecto á súa lingua non resistiría ningunha análise. E será que o galego é a lingua máis difícil do mundo? E será de deberemos constituír unha oficina de palabras perdidas? Palabras perdidas, roubadas... Fronte ao "es que no me sale", "es que no se me da". Made in Galiza é un convite á República Independente da túa lingua. Non imos perdela nin en soños porque co galego imos "ao fin do mundo" e quen o proba o sabe!

A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo. Pensando nos nosos espectadores máis novos (a obra está presente como lectura obrigatoria nos centros de Ensino Medio de Galicia), Sarabela quere comprometerse con ese universo creado polo autor no que a verdadeira protagonista é a nosa lingua, secundando esta aguerrida proposta na necesaria defensa dese tesouro que é a lingua galega.

A obra escrita por Séchu Sende no ano 2007 foi elixida como Libro do Ano no 2017, e xira ao redor dun tema que ten tanto que ver con nós como sociedade, que está nos alicerces da nosa cultura (foi Castelao quen dixo: "se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma".

Entrada de balde ata completar aforo, non se necesita reservar.

E o sábado, día 13, Baobab Teatro deleitará aos máis pequenos da casa con Palabras. Será a partir das 18:00 horas. A representación estará dirixida a nenas e nenos maiores dun ano. 

Palabras é un espectáculo musical e teatral para os máis pequenos/as da casa onde as palabras e as brincadeiras están presentes para levarnos á tradición oral galega.
Venda de entradas:

De luns a xoves, no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es ou na taquilla unha hora antes da función. Prezo:2 €