Os días 25 e 26 de xuño desenvolveranse en Ribadeo as I Xornadas Etnográficas da Mariña que coorganizan Tecedeira e o Concello.

Ribadeo acollerá os días 25 e 26 de xuño as I Xornadas Etnográficas da Mariña (Música, Baile e Traxe Tradicional Galego) que coorganizan a asociación Tecedeira e a Concellaría de Cultura. O evento foi presentado na Casa do Viejo Pancho por Xacobo Ares e por Pilar Otero. 

A edil ribadense dixo que “cando viñeron presentarnos o proxecto de Tecedeira de levar a cabo as primeiras xornadas etnográficas da Mariña, que teñen como espírito aglutinar a convivencia de todas as agrupacións e asociacións da Mariña, nos dubidamos en apoiar esta idea que nace en Ribadeo e que pretende espallarse por toda a comarca. Sempre tecer fíos e procurar a unión do tecido asociativo parece unha moi boa idea. E se por riba parte de persoas de Ribadeo, como non podía ser doutra maneira, desde o Concello impulsámola dentro das nosas posibilidades”.

Pilar Otero manifestou: “parécenos que hai que destacar e darlle a importante que ten ao labor que desenvolven todas as asociacións de base que traballan no eido da cultura. Todas elas saben que teñen o apoio do Concello sempre que se nos solicita, na medida das nosas posibilidades, coa variedade de protagonistas e de temáticas. E agora, por exemplo, véñenme á cabeza dúas que van ser desenvolvidas de maneira máis ou menos inmediata polo colectivo das Vacas Fracas ou pola asociación Francisco Lanza, pero hai moitas máis: a Coral Polifónica, a Banda,… todas as que se achegan a nós dentro do que podemos impulsamos e axudamos”.

E engadiu: “concretamente con esta asociación de recente creación, Tecedeira, nos parece interesante a posta en valor do perfil etnográfico da música e do baile tradicionais porque estamos orgullosos e orgullosas do noso, do que se fai e do que se fixo, e hai que amosalo”.

Desde Tecedeira Xacobo Ares explicou que “estas xornadas xa levaban roldando pola miña cabeza incluso antes de fundar o proxecto Tecedeira, de recolla e divulgación do noso patrimonio inmaterial, das músicas de tradición oral. Entón sempre pensei que A Mariña xa necesitaba unhas xornadas deste tipo para aglutinar a convivencia de todas as agrupacións e asociacións que hai na Mariña. Nacen en Ribadeo porque Tecedeira naceu aquí, pero van ser unhas xornadas itinerantes. Queremos que sexan un referente tamén a nivel galego e entón queremos facelas cada ano nun punto diferente da comarca da Mariña. Que empecen en Ribadeo simplemente foi porque eu vivo aquí e máis que nada por temas loxísticos”.

Ares tivo palabras de agradecemento para o Concello: “agradecer ao Concello de Ribadeo, que coorganiza con nós estas xornadas, sobre todo á concelleira de Cultura, Pilar Otero, porque dende o primeiro momento, cando lle presentei o proxecto, abriunos as mans para todo o que necesitáramos. Hai que recoñecer que se non é polo Concello de Ribadeo as xornadas este ano igual non terían cabida, pero ao final, con amor e con traballo, saíron adiante”.

E subliñou que “as xornadas etnográficas veñen a arrimar o ombreiro con todas as asociacións que levan moitos anos traballando coa música tradicional na comarca, colectivos que en momentos nos que a música tradicional non estaba tan en auxe conseguiron saír adiante, subir aos escenarios, formar á xente e seguir divulgando este patrimonio noso tan importante. Entón Tecedeira e estas xornadas etnográficas o que queren é axuntar forzas e sumarse a esas asociacións que levan tantos anos traballando na comarca. Loxicamente na primeira edición non poden estar todas as asociacións e grupos, pero o noso fin é que nas seguintes destas xornadas vaian pasando por elas todos e cada un dos colectivos que forman o tecido asociativo que traballa coa música tradicional a longo da comarca”.

Xacobo Ares indicou que “o proxecto destas xornadas colleu máis forza na pandemia porque fomos conscientes do golpe tan duro que nos deu á xente que traballamos co folclore porque hai asociacións que quedaron con moitas baixas, algunhas tiveron que deixar de actuar, xente que non puido seguir asistindo ás clases,… Pero, como somos fortes e sabemos repoñernos, estas xornadas queren ser tamén un revulsivo e unha ilusión para que todos xuntos volvamos saír adiante e levar ao noso patrimonio ao máis alto”.

Desde Tecedeira agradécenlle “á Escola de Música de Ribadeo que nos ceda as súas instalacións para poder realizar estas xornadas e tamén aos comercios e hostaleiros que colaboran con nós para poder sacar isto adiante”.

As I Xornadas Etnográficas da Mariña inclúen obradoiros, mostras, exposición sobre o traxe tradicional de gala na comarca e foliada aberta.