Os dous viños elaborados pola Vinoteca Fumarel na Ribeira Sacra serán presentados en Ribadeo o 28 de xuño. No acto participará o prestixioso enólogo Roberto Regal.

Os dous viños elaborados na Ribeira Sacra pola Vinoteca Ultramarinos Fumarel, de Ribadeo, serán presentados neste establecemento este xoves, día 28, ás 21:30 horas. No acto, que será aberto ao público, participará o prestixioso enólogo Roberto Regal, xunto a promotor desta iniciativa, o empresario Gervasio Cao.

Cando se puxo en marcha esta iniciativa, no verán do ano pasado, o enólogo Roberto Regal explicou: “son de Chantada, enólogo de formación, consultor de bodegas desde hai 17 anos e nos últimos nove levo dedicándome a facer cultivos de viñedo en ecolóxico ou en sostible na Ribeira Sacra ben en fincas privadas ou que alugamos; facemos viños de finca, viños personalizados, como neste caso con Gervasio Cao, do Fumarel”.

Roberto Regal destacou que “isto non é facer un viño por para senón que consiste primeiro en coidar a cepa e en dignificar a viticultura. Na nosa empresa traballamos con xente nova, formada, e facemos todos os viños de xeito individual. Se as fincas son privadas cóbrase un servizo de viticultura, logo un servizo de verificación, e despois o deseño de cada un. Son todo pequenas fincas, entre 300 e 8.000 metros, e cada viño é singular”.

Os dous viños creados por iniciativa de Gervasio Cao son tintos Súmmum Ribeira Sacra. Un deles, chamado Fumarel Croa, foi elaborado con uva da variedade Mencía ao 100%, producíronse 1.600 botellas e foi embotellado no pasado mes de abril. O outro, denominado Fumarel Penadoso, foi elaborado con uvas das variedades Mencía e Brancellao, a produción é de 300 botellas e foi embotellado neste mes de xuño.