Os mércores do mes de marzo terán lugar en Burela unhas xornadas de defensa persoal e de protección contra a violencia de xénero.

Está aberto o prazo de inscrición nas primeiras xornadas de defensa persoal e de protección contra a violencia de xénero, que organiza a Concellería de Igualdade en colaboración con Miguel Ángel Rojo Darriba, que será o encargado de impartir este taller.

Estas xornadas levaranse a cabo tódolos mércores do vindeiro mes de marzo, en horario de 20:00 a 21:00 horas, no local sito na Rúa Rosalía de Castro nº44, baixo, galería porta 2, en Burela.

Patricia Otero explica que “nestas xornadas poderán participar as mulleres empadroadas no Concello de Burela, que previamente se anoten no Centro de Información ás Mulleres, sito na Casa do Concello , en horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. A actividade é totalmente gratuíta para as mulleres de Burela, sendo sufragada integramente pola Delegación Municipal de Igualdade”.

A edil socialista sinala que “o proxecto enmárcase no eido da seguridade, a igualdade e os servizos sociais, concretamente na protección contra a violencia de xénero e a defensa persoal feminina, empregando distintos métodos e técnicas de fácil execución. A principal finalidade é a de ofrecer os medios necesarios para aplicar coñecementos de defensa persoal e obter un resultado satisfactorio para a persoa que o aplica, neste caso público feminino”.

A concelleira de Igualdade engade que “se aportarán para a consecución desta finalidade unha serie de ferramentas ás participantes para que poidan facer fronte ás posibles agresións que lles poidan xurdir en calquera momento e situación. Non obstante, tamén se pretende practicar a modalidade de forma non violenta e que a práctica se converta nunha forma agradable de pasar un bo tempo de práctica e aprendizaxe”.

Patricia Otero conta que “deste xeito as prácticas consistirán dunha serie de ponencias formativas en distintos sensos: achegar a realidade da defensa persoal e a súa evolución ao longo do tempo; dotar ás participantes da información necesaria para aprender ou corrixir erros á hora de solventar unha agresión; mellora das aptitudes e capacidades para reaccionar ante situacións anómalas e violentas e para elo traballaranse nos adestramentos as distintas técnicas de sinxela aplicación; ofrecer apoio e recomendacións para que as practicantes se sintan cómodas e con confianza; informar e practicar co uso de distintos dispositivos de uso cotiá, como pode ser un bolígrafo, un Smartphone, chisqueiro, etc… para potenciar o efecto dunha defensa aplicada sobre o agresor; e dotar de técnicas de control e redución para que as practicantes se enfronten a asaltantes que as superen en tamaño dunha forma sinxela e sen complicacións”.

Otero Rodríguez sinala que “a defensa persoal está enfocada a mulleres de tódalas idades e complexións, de feito a condición e a forza física non ten por qué ser a máis próxima á dunha persoa deportista e cunha boa forma física. Do mesmo xeito, hai que ter claro e ter en conta as recomendacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e que sexa o enfrontamento ante unha agresión o último dos recursos que teñamos que utilizar. Sempre será mellor fuxir ante unha situación violenta que tratar de comprobar se realmente somos capaces de reducir ou non o noso agresor”.

“Para impartir este taller contaremos co mestre de Artes Marciais Miguel Ángel Rojo, que conta cun amplo currículo no eido da Defensa Persoal, que conta entre outros méritos e cargos cos de: Director Autonómico de Nihon Taijitsu (Defensa Persoal) da Federación Galega de Karate e Da, Profesor da Federación  Galega de Kárate, nos cursos para a obtención do diploma de especialista en Defensa Persoal, Cinturón Negro 4º Dan Nihon Taijitsu FMNT, Cinturán 4ºDan Nihon Ju Jutsu FMNT...”, dixo Patricia Otero. 

As Xornadas de Defensa Persoal e de Protección contra a Violencia de Xénero foron presentadas este martes por Miguel Ángel Rojo e por Patricia Otero.