Os portos do Barqueiro e Bares acollerán o 27 de xaneiro os "Encontros Mareiros", que organiza Nordés. Haberá visita ao Museo do Mar, xantar e charla.

O 27 de xaneiro as localidades do Barqueiro e Bares acollerán a primeira edición dos "Encontros Mareiros" que, organizados por Nordés (Asociación de Desenvolvemento das Terras do Sor e a Faladora), terán tres actividades: unha visita guiada ao Museo do Mar do Barqueiro; un xantar mariñeiro e unha charla sobre a pesca do peixorro, o tubarón peregrino.

A nova directiva de Nordés, encabezada por Martín Caínzos (Loiba), acaba de aprobar o programa xeral de actuacións para 2018 e xa estamos á vista dos primeiros resultados efectivos. Para o último sábado de xaneiro está prevista unha xornada cun título moi suxestivo: Encontros Mareiros. A actividade comezará ás 11 da mañá coa visita guiada ao Museo do Mar do Barqueiro, creado por Daniel Béaz. A participación está aberta para as 25 primeiras persoas que realicen a inscrición (gratuíta).

Para as 14:30 horas a organización ten organizado un xantar mariñeiro a celebrar no Porto de Bares. O menú recolle diversas delicias do mar, como o son as ostras ao estilo "Muller Mariña", mexillóns ao vapor, as croquetas de polbo ou a caldeirada de escacho. A participación, neste caso, está moi limitada: só hai 20 prazas dispoñibles.

Logo da sobremesa, dende as 18:00 horas no mesmo local -o Restaurante Muller Mariña- realizarase a charla titulada "O peixorro en Bares: a pesca do tubarón peregrino". O relator será Toño Maño, autor da bitácora "Tiburones en Galicia". Falará desta singular pesquería, a única desta especie en toda a Península e doutras similares que se realizaban nos mares de Noruega e Irlanda.
 f[https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es/]
Inscrición en 653756454 (Ricardo) ou en asociacion.nordes@gmail.com