Os servizos de información turística de Foz ampliarán o seu horario durante a Semana Santa. O Concello quere ofrecer a mellor imaxe posible.

Os servizos de información turística de Foz ampliarán o seu horario durante a vindeira Semana Santa. Anunciouno hoxe a concelleira Maite López Rego.

Desde o día 10 de abril, luns, ata o sábado 15 a oficina municipal de turismo, que está situada no Cenima, abrirá de 11 a 14 horas e de catro a oito da tarde. E o punto de información turística que está na basílica de San Martiño estará aberto ao público do martes día 11 ao sábado 15 en horario de 11 a 14 horas e de catro a oito da tarde, mentres que o domingo 16 estará en servizo desde as 11 ata as 15 horas. 

A edil delegada de Turismo explicou que “como todos os anos, por estas datas da Semana Santa pensamos en darlles un maior servizo aos visitantes que se acheguen a facer algunha consulta e por iso modificamos o horario dos puntos de información turística”.

Maite López engadiu que na vindeira Semana Santa esperan contar  “cunha afluencia importante de persoas no noso pobo e queremos darlles o mellor servizo posible, que se atopen cómodos e que vexan Foz como un sitio para volver”.