Papá Noel estará o 22 de decembro en Ribadeo. Recibirá ás nenas e nenos na carpa do parque de San Francisco pola mañá e pola tarde.

Seguen as actividades de Nadal organizadas por Acisa. O domingo, 22 de decembro, Papá Noel estará en Ribadeo e o día 26 haberá teatro en inglés para os/as máis pequenos/as. 

Acisa iniciaba o Nadal coa inauguración da árbore de luces instalada na praciña de San Roque. A programación de Nadal continúa coa visita de Papa Noel o 22 de decembro. Estará na carpa instalada no parque de San Francisco, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. 

Ademais o 26 de decembro ás 18:00 horas no Cine Teatro de Ribadeo haberá  Storytime, teatro en inglés para nenos e nenas, a cargo da academia asociada Kids&Us, “nunha aposta por entreter e divertir aos máis pequenos nunhas datas tan especiais para eles”, apuntan desde a xerencia de Acisa.

E o 4 de xaneiro Ribadeo recibirá a visita dun Carteiro Real. A todas estas actividades hai que engadir a colaboración de Acisa co Concello para a posta en marcha de RibaXogo, o centro de ocio infantil e xuvenil do que se poderá gozar do 21 de decembro ao 5 de xaneiro no parque de San Francisco. A xerencia de Acisa subliña que “aquelas persoas que merquen no comercio asociado ou consuman na hostalería, tamén asociada, obterán vales de desconto do 50% para acceder á carpa que alberga ese centro de ocio”.

A directiva de Acisa lembra que “un ano máis organizamos un concurso de decoración, co obxectivo de darlle moita luz e color ás rúas de Ribadeo”. Desde o colectivo empresarial animan “a todos os socios a que decoren os seus locais, fachadas, escaparates e barras, posto que o Nadal é unha época alegre e de celebración. Sempre chama máis a atención un pobo e os seus comercios decorados, que se non locen ningún motivo navideño. Por iso convocamos este concurso de decoración con dous trofeos e 200 euros en premios para dúas categorías, unha de comercio e outra de hostalería, ao que queremos que se apunten tantos establecementos como sexa posible. Están a tempo para anotarse ata o vindeiro domingo, 22 de decembro”.

Por outra banda, todas aquelas persoas que fagan as súas compras de Nadal no comercio asociado a Acisa obterán papeletas para participar na IX Festa do Comercio, que terá lugar o 11 de xaneiro e na que se sortearán 4.000 euros en vales de compra. Desde a xerencia de Acisa lembran que “o reparto de papeletas vai a bo ritmo. Non queremos que ninguén quede sen as súas, polo que recomendamos a todas aquelas persoas que estes días merquen no noso comercio a que se fagan con elas, porque a contía dos premios que imos sortear merece moito a pena”.