Pensamento e Sementeira programa un concerto didáctico con Son de Nós. O grupo vocal actuará en Viveiro o 27 de maio.

O colectivo viveirés Pensamento e Sementeira programa un concerto didáctico co grupo vocal Son de Nós. Esta actividade desenvolverase no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro o 27 de maio e dará comezo ás 20 horas. A entrada a este concerto será libre até completar o aforo do local. 

Segundo Son de Nós o concerto que leva por título Identidade (Lingua e Música) “quere facer a súa propia homenaxe a aquel pequeno grupo de intelectuais que respondendo ao chamamento do viveirés Antón Villar Ponte (1881-1936) e concienciados da alarmante situación de desprestixio da lingua galega en prol do castelán, fundaron na Coruña, no mes dos maios do ano 1916, a primeira Irmandade da Fala”. 

“En Identidade -dín os de Son de Nós— cantamos a Rosalía, a Curros, a Xoán Manuel Casado, a Manuel María e a Séchu Sende, con músicas de Xoán Montes, Miro Casabella, Luis Emilio Batallán, Uxía Senlle e Magín Blanco adaptadas, sempre desde o respecto, ás particularidades da nosa agrupación”.