A piscina olímpica de Cervo inaugurará a nova tempada de cursos o 1 de outubro. As actividades son de balde para as Anpas do municipio.

A Piscina Olímpica do Concello de Cervo iniciará a nova tempada de cursos o luns 1 de outubro.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, xunto a unha representación do equipo de socorristas e do persoal da piscina, presentaron as actividades para as que recordan que está aberto o prazo de preinscrición ata este mesmo xoves, 20 de setembro “e aquelas persoas interesadas poden, ou ben achegarse ata as instalacións; ou ben chamar ao número de teléfono 982.59.45.12”.

Villares sinalou que o cadro de persoal da piscina está formado por 6 monitores municipais, que ofrecen asesoramento e imparten os diferentes cursos, por grupos de idade; adultos, nenos e bebés. Ademáis tamén se ofertan clases de natación para mulleres embarazadas.

Dentro de cada grupo, establécense diferentes niveis en función da destreza do alumno desde iniciación a perfeccionamento. Ademais, tamén se ofrecen actividades complementarias como Aguagym ou o servizo de sauna e ximnasio.

O rexedor apuntou que “a filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto desde as idades máis temperás; e con ese obxectivo ofrecemos de balde ás ANPAS do noso municipio os diferentes cursos de natación para os pequenos e pequenas”.

Soto, pola súa banda, convidou, así mesmo, tanto aos socios como aos non socios a que veñan a desfrutar da natación e dos beneficios deste deporte ao noso Concello, “nunha piscina única polas súas características na provincia de Lugo, coa que temos o privilexio de contar en Cervo”.   

Como xa se apuntou, o prazo de preinscrición está aberto ata este xoves, 20 de setembro. O listado de admitidos será público o venres 21 de outubro; e a matrícula poderá facerse na semana do 24 ao 28 de setembro.