Presentado o Callo Fest, que organiza a asociación Amigos da Troula, coa colaboración do Concello de Cervo. Será o 28 de decembro en San Ciprián.

O festival terá lugar o venres 28 de decembro, na carpa instalada na Praza dos Campos.

O inicio das actividades está programado para as 18:30 horas cun karaoke destinado aos máis pequenos no que haberá premio para o máis rockeiro ou rockeira.

O comezo dos concertos terá lugar ás 20:00h coa banda viguesa PEGAS NEGRAS que nos acompañará  a ritmo de country e hillbilly. A continuación actuará a banda local THE LAZY BONES, que forman parte do cartaz por segundo ano consecutivo e farán vibrar ao público a base de ritmos funky.

A terceira banda en actuar tamén procede de Vigo. SUPERNATURAL, que conta cunha potente voz feminina , toca diferentes estilos como o suothern rock, o hard rock ou soul, entre outros.  Veñen de facer unha serie de concertos en Francia e encherán a carpa do festival de enerxía.

O último grupo da noite é unha homenaxe a un dos grupos máis icónicos e representativos da hisoria do rock como é Queen. Mckuin fará as delicias de todos aqueles nostálxicos da banda de Freddie Mercury a ritmo dos clásicos éxitos dos 80.

Ás 0:00h haberá un ensaio das badaladas de fin de ano para así despedir o 2018 un pouco antes de tempo a ritmo de rock.

Ao remate da actuación dos grupos segue a festa na compañía de DISCO MÓBIL EVENTEC que pinchará os maiores éxitos da historia do rock. E como prato final, como non podía ser doutro xeito, serviranse racións de callos de balde para todos e todas.

Ademais, desde as 18:30h ata as 0:00h haberá unha tabla de surf mecánica e moitas máis sorpresas.