A programación cultural do Concello de Foz para xuño inclúe unha exposición, varios actos musicais, cine e un monólogo.

A programación cultural do Concello de Foz para este mes empeza mañá, venres, día 2, no Cenima coa inauguración da exposición titulada Misturas, que inclúe fotografías de Xulio Montero e cerámica de Xela Area Pesquera. Estará aberta ao público ata o 30 deste mes.

Este sábado, día 3, comezará a quinta edición do Festival de Voces Xóvenes coa actuación do coro Más que Jazz, do Conservatorio de Música de Gijón, formación que dirixe Adriana Cristina García. Será ás seis e media da tarde na Sala Bahía.

O vindeiro xoves, día 8, ás 20:30 horas haberá cine na Casa da Cultura. Proxectarase a película María (y los demás). O venres 9 terá lugar na Sala Bahía ás 21 horas o segundo concerto do Festival de Voces Xóvenes, no que actuarán o coro do IES de Ortigueira, que dirixe José Antonio Mato, e o Coro da Mariña, dirixido por Ugia Pedreira. O domingo 11 ás 19 horas a praza Conde de Fontao acollerá un monólogo a cargo de Marcos Pereiro titulado Viva o cooperativismo.

O terceiro concerto do Festival de Voces Xóvenes será o venres 16 ás 21 horas na Sala Bahía. Actuarán os coros da Escola Municipal de Música de Foz dirixidos por Felipe Sánchez Fernández. E ao día seguinte, o sábado 17, ás 19:30 horas na basílica de San Martiño terá lugar o XI Encontro Internacional de Corais Vila de Foz, no que participarán a Coral Polifónica de Foz; a Coral Erreniega, de Cendea de Cizur (Navarra) e o Grupo Coral David de Sousa, de Figueira da Foz (Portugal).

Cambio de horario na basílica
Por outra parte, o horario de verán para as visitas á Basílica de San Martiño empezou hoxe, día 1 de xuño, e estará en vigor ata o 30 de setembro. Será de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Os domingos estará aberta de 10 a 15 horas e os luns pecha.