A Rede Museística da Deputación de Lugo reforza a programación en liña para facilitar o acceso a contidos culturais estes días.

A Rede Museística reforza a programación en liña para manter a súa actividade de difusión da arte e do patrimonio malia o peche ás visitas presenciais, seguindo as restricións anunciadas pola Xunta de Galiza ante o avance da pandemia.

Os museos provinciais inician este mércores un proxecto pensado para todos os públicos con relatos mediados, ao vivo, a través dos seus perfís en Facebook. A proposta inclúe parladoiros, escape rooms, obradoiros e xogos que levarán ás usuarias e usuarios a coñecer as diferentes coleccións e salas dos museos.

As sesións programaranse todos os días ás 17.00 horas:

Os martes, xoves e sábados dende o Museo Provincial de Lugo. 

Os mércores dende o Museo Provincial do Mar, San Cibrao, Cervo.

Os venres dende o Museo Pazo de Tor, Monforte de Lemos.

Os domingos dende o Museo Fortaleza San Paio de Narla, Friol.

A Rede Museística mantén a aposta por facilitar o acceso a contidos culturais, como ven facendo desde o pasado mes de marzo adaptando a súa actividade á normativa vixente en cada momento para previr os contaxios.