Ribadeo acollerá os días 19 e 20 de setembro un foro de economía social

O Concello de Ribadeo organiza os vindeiros 19 e 20 de setembro o Foro de Economía Social, “unha iniciativa que nace co obxectivo de achegar á cidadanía os valores e as oportunidades da economía social, poñer en valor o emprendemento colectivo e favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos”, segundo explicou a concelleira de Comercio, Marta Saiz.

A edil ribadense indicou que “o encontro desenvolverase na Praza de Abastos de Ribadeo, un espazo estreitamente vinculado á actividade económica e comercial do municipio, e combinará durante toda a fin de semana foros de debate, actividades, formación, música e dinamización do mercado local”. Saiz contou que “a programación comezará o sábado 19 de setembro cunha xornada dedicada ao Foro de Economía Social, que contará con mesas redondas, participación de persoas especialistas e diferentes actividades destinadas a dar a coñecer as posibilidades que ofrece a economía social como modelo de desenvolvemento económico, xeración de emprego e dinamización do territorio”.

A concelleira de Comercio seguiu a relatar que “a iniciativa pretende especialmente visibilizar modelos empresariais baseados na cooperación, na participación e no retorno social, así como achegar estas alternativas ás persoas emprendedoras, empresas, entidades sociais, asociacións, profesionais e á cidadanía en xeral”.

Marta Saiz dixo tamén que “o domingo 20 de setembro a programación trasladarase tamén ao Mercado dos Domingos, incorporando actividades de dinamización e música, co propósito de conectar a economía social coa actividade comercial e coa vida económica e social de Ribadeo”. E destacou que “o Foro pretende ser un punto de encontro e intercambio, no que diferentes axentes poidan compartir experiencias e reflexionar sobre novas formas de producir, traballar, emprender e xerar riqueza desde unha perspectiva máis próxima, colaborativa e sostible”.

A celebración do Foro intégrase nas actuacións desenvolvidas polo Concello de Ribadeo no marco da Rede Eusumo, coa finalidade de promover e impulsar o cooperativismo e a economía social, achegando estes modelos á sociedade e favorecendo o seu coñecemento e implantación no ámbito local.

A programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Rede Eusumo, o Ministerio de Traballo e Economía Social e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

As persoas interesadas en participar neste foro poden realizar a súa inscrición a través da plataforma habilitada para o evento.

Marta Saiz anima “a empresas, persoas emprendedoras, entidades da economía social, asociacións, profesionais e cidadanía a participar nesta iniciativa e contribuír a facer da Praza de Abastos un espazo de encontro, coñecemento e dinamización da economía local”.