Ribadeo contará con pista de xeo este Nadal. Estará instalada nunha carpa na Avenida Rosalía de Castro do 3 de decembro ao 7 de xaneiro

Ribadeo contará con pista de xeo este Nadal. Estará instalada nunha carpa na Avenida Rosalía de Castro entre o 3 de decembro e o 7 de xaneiro. O prezo da entrada será de 5 euros, pero os negocios adheridos contarán con vales de desconto para a súa clientela, segundo deu a coñecer esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz. 

A edil ribadense explicou que “a pista de xeo volve a Ribadeo este ano. Será do 3 de decembro ao 7 de xaneiro. Estará instalada no aparcamento da rúa Rosalía de Castro, preto do Teatro. O horario durante o mes de decembro será de 16:30 a 21:00 horas e do 2 ao 7 de xaneiro de 12 a 14 horas e de 16:30 a 21:00 horas. Os días de Noiteboa e de Aninovo a instalación estará pechada”. 

Saiz indicou que “o prezo da entrada será de 5 euros. E aquelas persoas que merquen no comercio de Ribadeo ou consuman na hostalería local e presenten un tícket por un importe mínimo de 10 euros gozarán dun desconto de 2 euros no prezo da entrada á pista de xeo”. 

A concelleira de Comercio contou que “aqueles negocios que queiran facerse cos vales de desconto deben adherirse entre o 20 de novembro e o 1 de decembro. Poden facelo de xeito presencial na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, enviando un email á dirección de correo electrónico adl2@ribadeo.gal ou na oficina de Acisa en horario de 9:30 a 14:30 horas. Desde o Concello animamos a todos os autónomos, micropemes ou pequenas empresas a adherirse e aos veciños, veciñas e visitantes a consumir no comercio local e a disfrutar dun Nadal sobre xeo”.

Pola súa banda a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “para os locais asociados a Acisa a adhesión é automática. O resto de negocios son os que deben adherirse, tal e como comentaba a concelleira de Comercio, Marta Saiz”.

Cruzado subliñou que “desde Acisa estamos encantados de que a pista de xeo volva a Ribadeo, porque será un reclamo este Nadal en toda a contorna. Agardamos que sexa un éxito e animamos á veciñanza e aos visitantes a facer as súas compras no comercio local e a gozar da hostalería ribadense para así beneficiarse dese desconto nas entradas de acceso á pista de xeo, que contribuirá á dinamización económica de Ribadeo durante máis dun mes”.