Ribadeo renderá homenaxe ao produto local o vindeiro 29 de xullo. Haberá ecoalmorzo, obradoiro, música, cata de tomate e tapas especiais.

Ribadeo acollerá na mañá do domingo, 29 de xullo, un día dedicado ao produto local dentro do Mercado dos Domingos. A actividade está organizada polo Concello de Ribadeo e a Asociación de produtores e produtoras da Horta de Ribadeo A Sucadoira en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo da USC e o CFEA Pedro Murias. 

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, sinala que “celebramos este día do produto local no Mercado dos Domingos  porque entendemos que é o mellor lugar para comezar a valorar o produto local, por ser o mercado de produtores e produtoras locais onde se achegan directamente os produtos ao consumidor, das persoas produtoras á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo de temporada e responsable”. 

Durante a mañá do vindeiro domingo, día 29, no Mercado dos Domingos ademais de acoller a venda directa dos produtores e produtoras que cada domingo asisten ao mercado haberá unha diversidade de actividades co obxecto de valorar o produto local e animar esta cita. Martínez subliña que “desde primeira hora poderemos saborear no propio mercado un Ecoalmorzo, cunha  opción doce e salgada e que complementará a variada oferta que ofrecen os postos que participan. Ás 11 horas dará comezo o obradoiro Aprende a facer un horto no teu balcón. As persoas asistentes terán a ocasión de coñecer algunhas recomendacións para poñer en práctica unha mini produción na casa. Aquelas interesadas pódense apuntar no correo adl@ribadeo.org ou no teléfono 982128650”.

A edil ribadense seguiu a relata que “Entre as 12:00 e as 14:00 horas haberá música no mercado, que será animado polo dúo formado por Iría Estevez e Gonzo Piña, que nos deleitarán con fados e outras músicas populares. Ás 13 horas poderemos participar nunha cata de tomate popular dirixida por un panel de persoas expertas procedentes da Aula de Produtos Lácteos de Lugo da USC. Nesta actividade tanto produtores/as como consumidores aprenderemos a diferenciar, coñecer e valorar o tomate da zona. Participarán tamén nesta actividade o CFEA Pedro Murias, dando a coñecer o tomate ecolóxico da zona cos que están a traballar na súa finca. E xa para o aperitivo nos bares da contorna: Fumarel, Delicias, Taller, Queimada, Prohibido, Ribeira e O Forno ofrecerán a tapa do mercado como tapa de cortesía e en colaboración con estas actividades”. 

Ana Martínez anima “a participar nesta xornada dedicada ao produto local”.