
O Concello de Barreiros, a través da súa área de Igualdade e no marco do programa +Igualdade Barreiros, suma a súa voz por segundo ano consecutivo á celebración do Ciclo de Cine e Mulleres Rurais, unha iniciativa promovida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para “visibilizar o papel fundamental da muller no medio rural”.
Nesta segunda edición, o ciclo contará coa proxección de tres filmes que “poñen a muller no centro da narrativa, abordando cuestións como o sacrificio, o amor, a resiliencia e, con frecuencia, a invisibilidade que historicamente sufriron as mulleres no ámbito rural”, explica o Concello de Barreiros, que engade “todas as citas terán lugar no Centro Social de San Cosme ás 18:00 horas. O 25 de outubro, La buena suerte, de Gracia Querejeta; o 8 de novembro, La buena letra, de Celia Rico; e o 15 de novembro, La tierra negra, de Alberto Morais”.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, destacou a importancia de dar continuidade a iniciativas de consolidada calidade cultural e social: “con este ciclo queremos poñer o foco na realidade das mulleres do noso rural, nas súas historias e nos seus retos. O cinema é unha ferramenta de sensibilización imprescindible para amosar realidades que moitas veces quedan na sombra e para xerar espazos de reflexión e comunidade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, remarcou “o compromiso do goberno local coa loita pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas: a igualdade e a loita contra a violencia machista son eixos prioritarios e transversais para este Concello. Despregar a pancarta negra é un xesto imprescindible de lembranza e denuncia, pero tamén debemos actuar no día a día: a educación e a cultura son as nosas mellores ferramentas para erradicar as violencias machistas e construír unha sociedade máis xusta”, sinalou a rexedora.
Desde a área de Igualdade do Concello de Barreiros convídase a toda a veciñanza a "acudir a estas sesións de cinema e participar nos debates e reflexións que xurdirán a partir das proxeccións".


