A Semana Santa de Viveiro presentouse en Lugo. O pregón terá lugar o 8 de abril no Teatro Pastor Díaz e correrá a cargo de Perfecto Ángel Parapar Trasancos.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe “a beleza e a tradición secular” da Semana Santa de Viveiro, que se celebra dende o século XIII, o que a converte nunha das máis antigas de Galicia.

O delegado realizou estas declaracións durante a presentación do evento na Delegación Territorial da Xunta, no que tamén participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Xunta de Confrarías de Viveiro, José Veiga; e a portavoz desta entidade, María Carmen López Gómez, respectivamente.

A Semana Santa de Viveiro está declarada de Interese Turístico Internacional dende o ano 2013, converténdose na primeira Semana Santa de Galicia en conseguir esta distinción. Por este motivo, a Xunta colabora coas Confrarías achegando un financiamento de 40.000 euros   a través de Turismo de Galicia, para a organización da vintena de actos que integran o programa deste ano.

O delegado territorial aproveitou a presentación para realizar “un recoñecemento expreso ao inxente e esforzado labor da Xunta de Confrarías e das devotas e devotos que as integran, así como ás xentes de Viveiro,  porque a historia, a imaxinería e a proxección exterior desta cita só é posible grazas á súa implicación  e o seu fondo compromiso”.

Destacou, así mesmo, que “ademais do seu carácter eminentemente relixioso, a Semana Santa viveirense tamén é considerada como un acontecemento cultural, popular e de atracción turística”.

Na organización dos actos participan un total de oito Confrarías e Irmandades -que compoñen a Xunta de Cofradías-; as  máis veteranas datan do século XIII e século XIV.

O pregón deste ano terá lugar o sábado 8  ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz e estará a cargo do Director de produción no  grupo Cerdeimar Industria Alimentaria, Perfecto Ángel Parapar Trasancos.