A TIC colabora co Concello de Viveiro na conservación e divulgación do patrimonio persoal mariño do municipio.

A TIC da Deputación contribuirá a preservar a cultura pesqueira do Concello de Viveiro coa elaboración de audiovisuais que formarán parte de Vivemar, o proxecto sociocultural que promove o Goberno viveirense para a promoción e divulgación dos valores do mar e dos ríos deste municipio da Mariña, prestando especial atención á memoria das persoas vivas. O Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Concelleiro do Mar, Jesús Fernández Fernández, acompañados por Lucas Requejo de Vivemar, presentaron este xoves esta colaboración, pola que a TIC gravará a testemuña dos protagonistas en primeira persoa.

Campos Conde anunciou que “esta colaboración arranca coa entrevista a Paco Alonso, armador e patrón de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”. O máximo responsable provincial dixo que “ninguén mellor que este viveirense para contarnos como evolucionou Viveiro no último século. A través da súa experiencia vital e profesional de case cen anos podemos coñecer a transformación do sector pesqueiro e da propia sociedade viveirense. O audiovisual incluirá documentación gráfica e recollerá termos en desuso, como tipos de artes de pesca, entre outros”.

A Tic ao servizo dos lucenses
O Presidente da Deputación sinalou que “esta colaboración é unha proba máis de que a TIC está ao servizo dos lucenses e dos Concellos. Somos útiles á provincia e, ademais, formamos aos futuros profesionais lucenses do audiovisual, xa que varios bolseiros da nosa Escola participarán na elaboración dos documentais”.

Con estes audiovisuais contribuiremos a preservar e divulgar o noso patrimonio inmaterial, neste caso, a cultura mariñeira que forma parte do ADN dos viveirenses. Ademais, axudaremos a que as novas xeracións entendan mellor e valoren a sociedade e cultura na que vivimos, a  que se sintan orgullosas das súas orixes e a crear identidade”.

Dobre finalidade educativa e turística
A Alcaldesa viveirense, María Loureiro, sinalou que con esta colaboración perséguense varios obxectivos: “por unha banda, o documento pasará a formar parte do arquivo audiovisual da cidade; por outra, podería ser motivo de traballo no ámbito educativo do Concello, coa súa proxección nas escolas e institutos da cidade; e por último, terá unha finalidade turística, xa que a gravación servirá para achegar aos visitantes experiencias que os aproximan ao mar e a súa cultura”.

Paco Alonso, historia viva do mar
Paco Alonso, xunto ao seu irmán Ramón, foi armador do boniteiro “Hermanos Alonso”. É un dos protagonistas directos do desenvolvemento da pesca na Mariña, da irrupción dos avances, o acceso aos novos caledeiros e da evolución dos barcos e da sociedade mesma. Testemuña privilexiada do que a pesca supuxo e supón para Viveiro, contribuíu coa súa achega ao que hoxe é o porto de Celeiro. No documental da TIC fará un repaso pola súa vida, desde a súa nenez, cando pasaba a maior parte do tempo na praia de Celeiro, e os seus inicios na pesca, nun litoral tan difícil como o Cantábrico.

Amplo abano de actividades de Vivemar
O proxecto Vivemar, que se deu a coñecer no mes de xuño, inclúe ademais un amplo abano de actividades que teñen por obxectivo divulgar a cultura marítima e fluvial de Viveiro. Entre outras, exposicións de artes de pesca, de maquetas de embarcacións mariñeiras e fluviais e de fotografías da cultura marítima en espazos viveirenses, así como xornadas gastronómicas, cantos de taberna, debates e mesas redondas.