Todo está listo en Burela para a tradicional cabalgata de Reis. Os Magos de Oriente percorrerán as rúas da vila en renovadas carrozas.

Todo está listo en Burela para a tradicional cabalgata de mañá. Os reis percorrerán as rúas da vila en renovadas carrozas. Hoxe foron supervisadas polo alcalde, Alfredo Llano, e por responsables de Ledicia e da Acia local. 

O rexedor contou que “estivemos observando esta mañá as carrozas para os Reis Magos, que están xa case rematadas para que desfilen mañá, xoves, por todo Burela practicamente, polo centro e ata o auditorio municipal”. 

Para Llano “traballouse ben e fixéronse unhas carrozas moi atractivas para que vaian nelas os Reis e que, ademais de levar os regalos para os rapaces e rapaces, a cabalgata sexa un espectáculo moi vistoso e importante”.

O alcalde animou á veciñanza a saír a gozar da cabalgata: “polo tanto animo a todo o pobo a que vaia a partir das sete da tarde, cando empezará o desfile desde O Campón e irá baixando pouco a pouco por Arcadio Pardiñas e outras rúas do centro. Penso que vai chamar a atención esta cabalgata de Reis coas carrozas renovadas, que van ser moi vistosas, e se encima hai moito público será unha actividade interesante e guapa. Así que fago un chamamento para que todo o mundo acuda, desfrute e lles traian moitos regalos porque os Reis Magos van vir cargados”.

Alfredo Llano engadiu: “estou satisfeito co traballo que se fixo para esta cabalgata coa colaboración do Concello, como é normal, para facer esas novas carrozas, que tal e como quedaron van chamar a atención”.