Trece Escolas de Hostalería de cinco comunidades autónomas participarán nos Campionatos de Baristas do IES de Foz do 12 ao 14 de febreiro.

A Deputación de Lugo colabora un ano máis na organización e celebración dos campionatos internacionais de baristas que impulsa o IES de Foz coa emisión en directo, por streaming, dos eventos, do que se ocupará o Centro de Formación Audiovisual, e tamén cunha achega económica de 3.000€. Así o anunciou a voceira provincial socialista e Deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, que, acompañados do Alcalde de Foz, Fran Cajoto, e do director do IES de Foz, Nicolás Asensio, presentaron este martes no Centro de Formación Audiovisual da Deputación esta nova colaboración cos XIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o VIII Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais e o I Campionato Internacional de Catas de Cafés de Profesionais que se celebrarán no centro educativo focense a vindeira semana, entre o mércores e o venres.

No acto, as alumnas Perla Daniela Sención, que representará á Escola de Hostalaría focense no Campionato de Baristas, e Iria Pardo, no de Catas, prepararon unha degustación de cafés para os asistentes, e demostraron o gran nivel formativo deste centro focense.

O alumnado de segundo de Realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, será o encargado da emisión por streaming dos campionatos, nos que participarán 13 Escolas de Hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, e 14 profesionais do sector que, por primeira vez, competirán na cata de cafés. As competicións poderán seguirse en directo a través de Youtube.

Frutífera colaboración
A voceira do Goberno e Deputada de Turismo subliñou que a colaboración da Deputación co centro focense “está a ser moi frutífera porque serve de práctica ao noso alumnado, contribúe a difundir o gran traballo que está a facer o IES de Foz coa organización dos campionatos e dá promoción ao Concello de Foz, á Mariña, e a nosa provincia en xeral”. García Porto tamén destacou  a achega económica por parte da área de Turismo a un evento que contribúe á profesionalización dun sector, o da hostalería, que é fundamental para a economía da comarca”.

García Porto desexou moita sorte aos alumnos e alumnas que presentarán aos tres centros da provincia que participan na competición: o IES de Foz, o IES Sanxillao e a Escola de Hostalería Fundación Belarmino Fernández Iglesias.

Pola súa banda, PabloRivera dixo que a Deputación “continúa coa colaboración que iniciou a antiga Fundación TIC hai máis de dez anos”. Os alumnos de 2º de Realización encargaranse do streaming. Terán que enfrontarse a todos os condicionantes dunha emisión en directo e resolver os mesmos problemas que se atoparán cando accedan ao mercado laboral. É unha das prácticas en escenarios reais que fan durante o ciclo. Hai unhas semanas tamén realizaron, por exemplo, o streamingdo Concurso Intercentros, outra colaboración cun centro educativo, neste caso o IES Muralla Romana de Lugo. Apostamos, por tanto, pola educación pública de calidade”.

Calidade e talento
O Alcalde de Foz agradeceu o apoio da Deputación “para dar visibilidade ao gran traballo do IES de Foz, do que saen grandes profesionais e que, ademais, anima a outros mozos e mozas a formarse neste centro. É unha aposta, tanto no IES de Foz como no Centro de Formación Audiovisual por que o talento se forme na casa e se creen posibilidades de emprego”. Pola súa banda, o director do IES de Foz, Nicolás Asensio, tamén destacou a importancia da educación pública e agradeceu ao alumnado do SdeA “o seu esforzo. Este encontro é unha gran oportunidade para que, tanto vós como os estudantes da nosa Escola, poñades en valor á formación que recibides”.

Tres xornadas e unha novidade
O evento arrancará o mércores, 12 de febreiro, ás 17:30 horas cos Campionatos de Baristas e de Catas de Café das Escolas de Hostalería. O xoves continuará a competición de baristas ás 10:00 e pola tarde, ás 17:30, celebrarase por primeira vez o Campionato Internacional de Catas de Cafés Profesionais. Xa por último, o día 14, ás 9.00 horas empezará o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais.
O encontro tamén inclúe dúas charlas. A primeira, o xoves ás 13:00 horas, leva por título Un café, un método, un cocktail, a cargo de Willy Gómez de Astro Café Roasters, e a segunda, o venres, ás 14:00 horas, o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía falará do Cultivo biotecnolóxico do café. As dúas últimas xornadas haberá degustacións de repostería e café de 9:30 a 13:00 horas que estarán abertas ao público.