Trece grupos de Galicia e Asturias amenizarán a quinta edición dos Cantos de Taberma, que se celebran en Ribadeo o 2 de abril.

A quinta edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, celebrarase este sábado, 2 de abril. Trece grupos de Galicia e Asturias percorrerán coa súa música tradicional e popular os 25 establecementos hostaleiros que se dan cita neste evento a partires das oito da tarde. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “este sábado, 2 de abril, vaise celebrar a quinta edición de Cantos de Taberna, organizado unha vez máis polo Concello de Ribadeo. Deste xeito recuperamos un evento que tivo lugar por última vez no ano 2019 e que non puido ter continuidade debido aos efectos da pandemia”.

O edil ribadense explicou que “a partir das oito da tarde en máis de 20 establecementos da vila poderase gozar coa música tradicional e popular interpretada por 13 grupos procedentes de diferentes lugares de Galicia e de Asturias. De Galicia concretamente desde Outeiro de Rei, As Pontes, Vilalba e Lugo; e de Asturias, de Castropol e Navia, que xunto coas formacións locais ribadenses recordarán os vellos cantares de cada zona. En total máis de 130 persoas cantando, tocando e bailando volverán a encher Ribadeo de ledicia e de animación”.

Vizoso Galdo manifestou que “con esta actividade preténdese un reforzo da programación nos meses baixos, fóra da temporada estival, procurando sempre ofertar actividades e recursos desestacionalizadores que apoien ao sector servizos”.

E engadiu que “dende as Concellarías de Turismo, de Educación e de Cultura animamos a sumarse a esta actividade aos veciños e veciñas de toda a contorna, para participar e disfrutar dunha noite chea de tradición; sempre é unha boa ocasión para estar coas amizades e para percorrer Ribadeo ao son da música tradicional”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local destacou “a gran acollida que está a ter esta edición pois estamos a falar da máis numerosa, polo que agradezo enormemente aos participantes a súa colaboración”.