Un total de 630 inscritos participarán o 31 de decembro na carreira San Silvestre 2019 en Ribadeo.

Un total de 630 inscritos participarán mañá, 31 de decembro, na carreira San Silvestre 2019 en Ribadeo. As carreiras das categorías inferiores terán lugar a partir das 16:40 horas polas rúas peonís de Ribadeo. A saída da proba absoluta será ás 17:00 horas.

O recorrido da Mini Sal Silvestre de Pituf@s terá unha distancia de 100 metros e a saída será diante da Oficina de Turismo para rematar diante do Concello. Nesta categoría inclúense os nad@s en 2016, 2017, 2018 e 2019 (que saiban camiñar). Esta proba será non competitiva e haberá medallas para tódol@s corredores/as inscrit@s chegados a meta.

A Mini San Silvestre para Iniciación e Prebenxamín, para nad@s entre 2012 e 2015, dará comezo ás 16:45 horas, terá unha distancia de 400 metros e consistirá nunha volta ao parque San Francisco con saída e chegada diante do Concello. Nesta proba haberá trofeo para o primeir@ corredor e corredora e medallas para @s tres primeir@s clasificad@s de cada categoría.

A Milla para as categorías Benxamín e Alevín, nad@s entre 2008 e 2011, comezará ás 16:50 horas, terá unha distancia de 1.150,37 metros e discorrerá polas rúas peonís de Ribadeo, con saída entre os parques e chegada á praza de España. Haberá trofeo ao primeiro corredor e corredora e medallas para @s tres primeir@s clasificad@s de cada categoría.

A carreira de San Silvestre Ribadeo 2019 para adultos terá unha distancia de 5.000 metros e sairá entre os dous parques chegando á praza de España, diante do Concello. Nesta proba participarán as categorías: Infantil, Cadete, Junior, Senior, Veteran@ A-B-C-D e Vehículo Adaptado. Haberá medallas para os tres primeiros de cada categoría (masculino e feminino), trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e tres mulleres da categoría absoluta, para os tres primeiros homes e tres primeiras mulleres ribadenses e para o corredor máis veterano e a corredora máis veterana en rematar a proba. Os premios serán de 100€, 50€ e 25€ e non son acumulativos.

A retirada dos chips e dorsais terá lugar mañá de 11:45 e 13:00 horas e de 15:00 a 16:15 horas no Concello de Ribadeo. Os corredores con chip propio deberán levalo para a carreira. Os chips son persoais e intransferibles e van asociados a cada participante.

Toda a información sobre a proba estará dispoñible na páxina sansilvestre.ribadeo.org.