Un veciño da parroquia focense de San Martiño produce mel que comercializa co nome de San Gonzalo e a imaxe da Basílica.

Un veciño da parroquia focense de San Martiño, Antonio Pacio, produce mel que comercializa co nome de San Gonzalo e en envases que levan a imaxe da basílica. Recibiu a visita do alcalde de Foz, Fran Cajoto, e do concelleiro de Turismo e Comercio, Chema Linares, quen dixo: “todo o noso apoio para este produtor local que decidiu dedicar o seu tempo e esforzo a esta tarefa e os resultados están aí porque o mel está moi bo”.

O edil de Turismo comentou tamén que “ademais os envases levan na etiqueta a imaxe da Basílica, o que supón outra vía de promoción desta catedral. Hai que apostar polos produtos de proximidade coma este, un mel que debería estar en todas as nosas mesas e nos establecementos hostaleiros polas boas propiedades que se lle atribúen. Desexámoslle moita sorte a este produtor focense”.

Antonio Pacio explicou: “estou na Asociación Galega de Apicultura e, como pequeno produtor, podo vender por proximidade. É un mel natural cen por cen e a etiqueta que poñemos nos envases serve para promocionar este mel da terra e tamén San Martiño. Agora teño 15 colmeas nunha finca que preparei durante o confinamento pola pandemia e teño previsto esmelgar dentro dun mes ou un pouco antes, depende do tempo; calculo que a produción deste ano será duns 200 quilos aproximadamente”.