Vellas cintas de celuloide, que estaban esquecidas no Cine Teatro en Ribadeo, serán recuperadas e terán unha segunda vida, moi diferente á inicial.

Varias cintas de celuloide, que estaban esquecidas no Cine Teatro, serán recuperadas e terán unha segunda vida, moi diferente á inicial. Nesta iniciativa está a traballar Iván Torres en colaboración co Concello de Ribadeo. As imaxes, que serán tratadas con diferentes produtos químicos para converterse en abstractas, serán empregadas nun futuro proxecto que englobará a ribadenses vinculados co mundo da música. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou como xurdiu este proxecto: “no mini ciclo de jazz que tivemos este ano, o último día veu Rafa Fernández, acompañado de Iván Torres, que facía a parte das proxeccións en directo, e cando rematou o concerto falou comigo e comentoume que traballaba con cinematógrafos, que traballou en Alemaña e en Finlandia, e chamoulle a atención que o Cine Teatro de Ribadeo é un dos poucos sitios que quedan en Galicia onde o cinematógrafo segue no mesmo sitio, polo que podería mirar de facer algún traballo”. 

Á edil ribadense pareceulle unha idea interesante: “paréceme un proxecto moi interesante, volver recuperalo, poñer en valor isto, darlle un pouco de vida e pensar nunha iniciativa futura na que englobar outros proxectos con artistas ribadenses, de forma que se contemple a posibilidade dun concerto onde se conxuguen música e imaxes...”.

Iván Torres contou que “o traballo é recuperar os rolos (as cintas) de celuloide que había esquecidos no Cine Teatro, manipulalos con químicos para obter unha imaxe diferente á que tiñan orixinariamente. Con eles conseguir rolos novos que se poidan editar e ser usados cos proxectores para obter unhas imaxes novas que vaian acompañadas de música”. 

E lembrou que “eu fixen moitos proxectos parecidos con celuloide, con proxectores de 35, 16 e 8 mm en Alemaña, en Finlandia e no Reino Unido. Formaba parte dun colectivo onde facíamos xiras, eles tocaban a música, que era electrónica mesturada con clásica e jazz, e eu facía as proxeccións que eran sempre diferentes en cada concerto, eran improvisadas, e as facía coa mesma técnica que vou usar en Ribadeo, que é a manipulación do celuloide”. 

Iván Torres comentou cómo xurdiu este novo proxecto en Ribadeo: “cando vin facer aquí o concerto con Rafa Fernández, hai un mes, vin que tiñan dous proxectores de 35 e 16 mm, da marca Wassman, e que están nun estado non moi bo, pero que poden ser usados máis ou menos. É raro atopar este tipo de proxectores aínda nas salas de cinema, en Galicia polo menos. Propúxenlle á concelleira facer algo con todos eses rolos, reciclalos porque pertencen a películas que a xente de Ribadeo viu, hai moitos anos, cando os proxectores funcionaban. Agora pódense reciclar e usarse de novo para que os ribadenses volvan ver o Cine Teatro en funcionamento con imaxes moi diferentes ás que viron no seu momento. Pero penso que tamén pode ser interesante para eles recordar como era o cinema e como era a imaxe do celuloide, aínda que manipulado. Eses rolos van ter unha segunda vida moi diferente á que foron concebidos”. 

Para a manipulación das cintas Iván Torres recorre a diferentes produtos: “no seu tratamento uso moitos tipos de químicos diferentes, desde acetona, a ácidos coloros, cloro, cada tipo de celuloide require un químico diferente, depende de como foron revelados. Para as películas que hai en Ribadeo usarei ácidos que xa teño utilizado anteriormente, sobre todo para películas de super 8. O que fan estes químicos é descompoñer a imaxe en diferentes cores, entón queda unha imaxe abstracta, nalgúns casos podes recoñecer rasgos da orixinal e noutros queda totalmente desfeita”. 

Este creador engadiu que “aquí en Ribadeo, a primeira fase é intentar poñer en marcha os proxectores e ver se é posible usalos para a performance. De momento puxen en marcha os dous. A segunda fase vai ser a manipulación do celuloide que vai levar ata unhas catro semanas, depende da cantidade de cintas, porque tamén é un proceso no que os ácidos nalgúns casos teñen que actuar por días, e noutros pode chegar con cinco minutos, depende. E a terceira fase é a montaxe de todo o material e o seu escaneado para non depender unicamente do celuloide”. 

Unha vez que todo ese material estea recuperado e tratado será cando este proxecto teña continuidade aglutinando música e imaxe. Pero iso será mais adiante. Pilar Otero e Iván Torres pensan que podería ser a finais da primavera ou xa no verán. 

Iván Torres dedícase ao cine documental e de ensaio, aínda que leva varios anos desenvolvendo proxectos de “cine en directo”, empregando proxectores analóxicos e material de 8, 16 e 35 mm, que manipula co obxectivo de formar parte dun proxecto audiovisual. A súa carreira e a súa formación discorreron en Finlandia e Alemaña, onde formou parte de grupos de performance audiovisual e da produtora de cine Mouka Filmi Oy.