A Xira de Santa Cruz, en Ribadeo, celebra o seu 60 aniversario o 7 de agosto. Haberá xantar tradicional, música, baile e ofrenda floral.

A Xira é como se coñece ao Día da Gaita e a Romaría a Santa Cruz, unha cita popular e gastronómica recoñecida como festa de interese turístico que este ano celebra o seu 60 aniversario. É organizada pola Asociación Amigos da Gaita o primeiro domingo de agosto no monte de Santa Cruz.

Pero a celebración non comeza o domingo senón o día antes, o sábado 6. Esa xornada haberá ás 19:30 horas un pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita, seguido do pregón homenaxe ao 60 aniversario e da actuación das escolas no Cine Teatro as 20:00 horas.

E xa o domingo dará comezo a festa. As 12:00 horas, no monte de Santa Cruz haberá amenización musical a cargo de Leña Verde de Pol mentres que no Cantón dos Moreno actuarán as escolas de Amigos da Gaita, seguido dun pasarrúas pola vila a cargo do grupo tradicional Xaramolos e a continuación a subida a Santa Cruz, o xantar tradicional, música, baile, etc. As 19:00 horas terá lugar a ofrenda floral no Monumento ao Gaiteiro e por último as 19:30 horas terán lugar os concertos de Xisco Feijoó e Pelepau.