A Xira de Santa Cruz, en Ribadeo, terá lugar o 6 de agosto. O pregón, a cargo de Felipe Rea Otero, será o día antes.

As concelleiras de Cultura e Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, amosan o apoio do Concello á nova edición da Xira de Santa Cruz, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. A festa, de interese turístico galego, está organizada pola asociación Amigos da Gaita. 

Os actos dan comezo o sábado, día 5, ás 19.30 horas cun pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita e seguirá co pregón de Felipe Rea Otero e coas actuacións das escolas. O día grande será o domingo, xornada na que haberá diferentes actuacións musicais a partir das 12 horas como o grupo Donaire, no monte de Santa Cruz, e Recuncheiros e Axeiros no Cantón dos Moreno. Seguidamente, terá lugar a subida ao monte e o tradicional xantar. 

Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, manifestou que “a Área de Cultura do Concello de Ribadeo convida a todo o mundo á edición número 72 da Xira de Santa Cruz e día da gaita galega. Acompañemos á asociación Amigos da Gaita no pregón o día 5, aplaudindo o traballo das diferentes seccións da escola e subamos ao monte o domingo 6 para desfrutar de música, amizades e natureza á sombra do monumento ao gaiteiro. Este ano os concertos da tardiña correrán a cargo dos grupos Tres Pesos e Aliboria. Alí vos esperamos a todos e todas”.

A edil de Turismo, Marta Saiz, comentou que “o vindeiro día 6 como cada primeiro domingo de agosto celebrarase o principal romaxe da Xira de Santa Cruz. Trátase dunha festa de interese turístico e na que se homenaxea o día da gaita nun marco incomparable como é o monte de Santa Cruz, un fermoso mirador sobre a ría e sobre toda a comarca e onde unha extensa fraga abraza ese monumento gaiteiro, a día de hoxe único en toda Galicia”. E engadiu: “agradecer á asociación Amigos da Gaita a súa organización e a continuidade desta romaxe ao longo dos anos. Desde o Concello de Ribadeo seguiremos apoiando e poñendo en valor as nosas festas, a nosa tradición e a nosa cultura”.

A través dun Bando, o alcalde, Dani Vega, fai unha chamada aos asistentes para que sexan respectuosos con ese entorno natural, no que estará prohibido facer recintos pechados con plásticos agrícolas ou a instalación de mobiliario como sofás ou colchóns: “resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro. Incumprir o anterior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables”.

No Bando sublíñase que “ estará permitido reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz”.

A Xira foi presentada no Monte de Santa Cruz por Amigos da Gaita. Xunto a eles estiveron o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.