O Centro Comercial Aberto de Foz celebra esta fin de semana a súa cuarta festa afrodisíaca. Haberá chupitos e doces especiais en tres pastelerías da vila.

O Centro Comercial Aberto de Foz celebra esta fin de semana a súa cuarta festa afrodisíaca. Haberá chupitos e doces especiais en tres pastelerías da vila.
 
O Centro Comercial Aberto de Foz súmase aos actos de celebración de San Valentín e o Entroido na vila, e xa ten lista para esta fin de semana a súa 4ª Festa Afrodisíaca. Nela participarán tres coñecidas pastelerías locais, ofertando de maneira conxunta un singular chupito afrodisíaco a base de mousse de chocolate, queixo, framboesa e canela. O doce terá un prezo dun euro e poderá adquirirse nas pastelerías Anduriña, Amarena e Xoyma durante os días 13, 14 e 15 de febreiro. Paralelamente, estes mesmos establecementos ofrecerán á posibilidade ao resto de negocios hostaleiros focenses  de incluír este chupito nos seus menús especiais de fin de semana.
A campaña Entroido doce, romántico e afrodisíaco, complétase ademais coa venda de sobremesas tradicionais de Entroido por parte destas pastelerías, que poñerán a disposición dos clientes doces típicos destas datas coma filloas, orellas ou roscas. Con esta iniciativa, o recentemente creado Centro Comercial Aberto de Foz, pretende potenciar a participación de veciños e comerciantes no comercio local nunha época repleta de actos lúdicos e festivos. 
Ademais anima aos seus establecementos asociados a participar na celebración de San Valentín e do Entroido focense decorando os seus escaparates e facendo que as súas tendas resulten máis atractivas aos clientes. Desde ACIA/CCA Foz lembran “a importancia que ten para a economía local facer as compras no comercio da vila, no comercio tradicional, no comercio de sempre…”.