O Concello de Foz organiza un coloquio sobre violencia de xénero e mocidade para este sábado na Casa da Cultura.

O Concello de Foz organiza un coloquio sobre violencia de xénero e mocidade para este sábado na Casa da Cultura.

 

O Concello de Foz organiza unha mesa coloquio sobre violencia de xénero e mocidade. Será este sábado, día 22, ás 18 horas no salón de actos da casa da cultura Poeta Manuel María. Dende a organización explicaron que “continuamos o traballo que comezou no ano 2013 coa campaña denominada Para querer, quérete, ante a preocupación sobre a maior cantidade de casos de violencia de xénero na mocidade, onde as relacións comezan a unha idade máis temperá.  Nesta ocasión achegamos no formato de mesa coloquio a profesionais que traballan neste ámbito. Así teremos a: Julia Vidarte, educadora familiar do Concello de Foz; Javier  Ponte, orientador do C.P.R. Martínez Otero; Ana Pacio, xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da  Subdelegación do Goberno e un especialista no tratamento e atención de vítimas de violencia de xénero”.

“Cremos que o tema da violencia é fundamental tratalo, posto que día a día vemos que está máis presente nas relacións dos mozos e mozas. Por este motivo invitamos a pais e nais, profesorado e público en xeral a analizar este sábado as relacións e comportamentos, con profesionais que traballan de forma cotiá estes aspectos”, engadiron os promotores desta actividade do Concello de Foz.