O museo etnográfico da Fonsagrada manterá aberta ata finais de xaneiro a exposición Represaliados, pertencente ao artista barreirense Celso Dourado.

O museo etnográfico da Fonsagrada manterá aberta ata finais de xaneiro a exposición Represaliados, pertencente ao artista barreirense Celso Dourado.

 

O Museo Etnográfico da Fonsagrada decidiu manter aberta ao público ata finais de xaneiro a exposición Represaliados, pertencente ao artista barreirense Celso Dourado. Fíxoo despois de valorar positivamente a ampla acollida de público que a mostra obtivo dende que foi inaugurada, a comezos do pasado mes de novembro. A exposición consta de dez cadros que repasan a historia do Comandante Moreno, que xunto a outros doce homes formaron parte do Batallón Galicia e foron asasinados e enterrados no ano 1937nunha fosa común no Alto do Acevo (A Fonsagrada). Os seus corpos foron exhumados finalmente no ano 2007, un acto que serviu de inspiración a Celso Dourado para comezar a traballar na obra que permanece exposta agora na terceira planta deste Museo Comarcal, en horario de 12:00 a 14:00 horas de martes a venres e de 17:00 a 19:00 horas as fins de semana.

Celso Dourado mostrouse "satisfeito co éxito de asistencia de público que tivo a exposición e emocionado coa ampliación de datas que decidiu levar a cabo o Museo Etnográfico para manter a mostra durante todo o mes de xaneiro". O artista recordou ademais que "este é unha obra moi forte e impactante na que utilizo cores para darlle maior realismo aos feitos. O Concello púxose en contacto comigo por propia iniciativa para traela á Fonsagrada e dende o primeiro momento pedíronme que non puxera data de remate, xa que pretendían que estivese no museo todo o tempo que se puidese. Eu calculaba que seguramente pasase alí as festas de Nadal, e agora soubemos que estará ata finais do presente mes de xaneiro".