O venres de comadres e o baile xuvenil son algunhas das novidades do Entroido 2016 en Ribadeo.

O venres de comadres e o baile xuvenil son algunhas das novidades do Entroido 2016 en Ribadeo.
 
O programa do Entroido 2016 inclúe coma novidades a celebración do venres de comadres e o baile xuvenil. Haberá novamente a Gala do Entroido, concurso de disfraces nas redes sociais e a festa do cocho, nos restaurantes que queiran sumarse á iniciativa. A comisión presentouse hoxe.
Os organizadores sinalan que “un ano máis xuntámonos para anunciarvos a celebración do Entroido. Este ano somos madrugadores e vimos con moitas ganas de festa e con algunha sorpresa moi especial: imos sacar dos nosos armarios as tradicionais “mascaritas” coas que tantas veces temos celebrado o carnaval polas rúas da vila. Será unha boa ocasión para que nos animemos todos e todas a lucir as nosas “mascaritas” nos distintos actos cos que imos celebrar esta cita”.
A comisión explica que “outras novidades deste Entroido, que queremos destacar, son o baile xuvenil e a celebración do venres de comadres, con sorpresa incorporada, ademais do clásico baile infantil de tódolos anos. E como corenta días de xexún supoñen moito esforzo, o mellor é saborear un bo cocido nos restaurantes do concello que se sumen á festa do cocho”.
E engaden: “tamén proseguimos coa celebración da Gala do Entroido, na que non faltará o humor e a retranca destas datas: ímolo poñer todo patas arriba. Por favor, que ninguén se asuste! Ademais, continuaremos a celebrar o concurso de disfraces nas redes sociais, que reforza o xa tradicional e coñecido desfile do martes de carnaval polas nosas rúas. Uns 5.000 euros en premios entre todas as categorías é unha boa razón para animarse a participar neste desfile. E como todo chega ao seu fin, o sábado 13 despediremos esta festa coa queima do Entroido e unha sesión de fogos de artificio”.