Os campos da Pastoriza e das Valgas (Barreiros) acollen os días 20 e 21 de xuño as finais da Copa Deputación de Fútbol Afeccionado nas categorías masculina e feminina.

Os campos da Pastoriza e das Valgas (Barreiros) acollen os días 20 e 21 de xuño as finais da Copa Deputación de Fútbol Afeccionado nas categorías masculina e feminina.
 
Os campos de fútbol de toda a provincia encheranse esta fin de semana de afeccionados para presenciar as finais da Copa Deputación de Fútbol, nas distintas categorías tanto de fútbol base como afeccionado a nivel masculino e feminino, polo que será “unha fin de semana de emocións e fútbol por toda a provincia”, en palabras do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, que presentou esta mañá as finais nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Federación, Carlos Negrín, e representantes dos equipos que disputan as finais e dos que ceden os campos. 
 
O campo do Acibreiro da Pastoriza acollerá o sábado ás 18:00 horas a final de 2ª e 3ª autonómica que disputarán o Santaballés e o Santa Comba, mentras que o campo das Valgas de San Miguel de Reinante, en Barreiros, acollerá o domingo ás 20:00 horas a final de 1ª autonómica e Preferente entre o Castro e o Viveiro. A final feminina entre o Antas de Ulla e o gañador do partido entre o Friol e o Milagrosa tamén se disputará no campo do Iberia o domingo ás 18:00 horas. 
 
Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou “a alta participación que rexistra esta cita deportiva ano tras ano, contando nesta edición da Copa Deputación de Fútbol coa participación de máis de 80 de equipos lucenses, desde 3ª Autonómica a Preferente Autonómica, contando aliñacións masculinas e femininas”.
 
Importante apoio da Vicepresidencia da Deputación ao fútbol base e afeccionado
 
Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Negrín, destacou o “importante apoio” que durante todo o ano a Área de Deportes da Deputación dá ao fútbol lucense e a todos os equipos existentes na provincia, “tanto a nivel afeccionado como de fútbol base”, destacou. 
 
Para a posta en marcha desta última edición da Copa Deputación, a área de Deportes da Deputación conta cun orzamento semellante ao do ano pasado de case 95.000 euros, polo que se manteñen as cantidades dos premios. Dos clubs deportivos participantes no trofeo, o campión e subcampión da categoría 1ª Autonómica e Preferente Autonómica, serán premiados con 5.000 e 4.000 euros respectivamente. Ademais, cada equipo recibiu 450 euros por partido xogado durante as distintas roldas de clasificación. En 2º e 3º Autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros para primeiro e segundo, e os clubs preciben 385 euros por partido disputado.
 
Ademais, Antonio Veiga avanzou que nos vindeiros días resolverase a convocatoria de axudas da área de Deportes aos clubs en réxime de concorrencia competitiva deste ano.
 
Finais nas categorías de fútbol base
 
Esta fin de semana dispútanse tamén as finais da Copa Deputación nas distintas categorías de fútbol base co seguinte calendario: 
 
Categoría Xuvenil: Monterroso – Viveiro (sábado ás 18:00 horas no campo do Becerreá)
 
Categoría Cadete: Palas de Rei – Foz (domingo ás 11:30 horas en Outeiro de Rei)
 
Categoría Infantíl: Monterroso – Ribadeo (sábado ás 12:00 horas en Abadín)
 
Categoría Alevín: Residencia – Lugo (sábado ás 11:00 horas no campo da Cheda en Lugo)
 
Final de consolación: Santiago de Foz – Ferroviaria (domingo ás 11:00 horas en Cospeito)
 
Categoría Benxamín: Porto Burela – Lugo (domingo ás 12:00 horas en Cospeito)
 
Final de consolación: Praia de Cobas – Ribadeo (domingo ás 12:30 horas en Burela)