Presentada en Ribadeo a guía turística en inglés The North of Lugo, que se distribuirá nos 14 países europeos aos que viaxarán os profesores de Apaga nos vindeiros meses.

Presentada en Ribadeo a guía turística en inglés The North of Lugo, que se distribuirá nos 14 países europeos aos que viaxarán os profesores de Apaga nos vindeiros meses.
 
Os xardíns do hotel O Cabazo, de Ribadeo, acolleron onte a presentación da guía turística en inglés The North of Lugo. Trátase dun proxecto da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia para dar a coñecer en 14 países europeos os atractivos turísticos do norte lugués. A guía foi elaborada por Faro Norte Comunicación e na mesma colaboran trece concellos do norte de Lugo, a Deputación Provincial e medio cento de empresas. 
 
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, fixo un repaso polos proxectos europeos de formación nos que está a participar esta asociación e que os levarán a viaxar a 14 países ao longo do vindeiro curso 2016-2017. Tamén en Ribadeo recibirán a visita de directores e docentes de varios centros de ensino europeos. Cando Apaga acode a eses proxectos formativos visitan institutos, empresas, Concellos ou mesmo Cámaras de Comercio. Será a todos eses lugares aos que chegue a guía The North of Lugo. 
 
Na súa intervención Doural indicou que “esta guía é unha colaboración modesta pola nosa parte para axudar ao desenvolvemento da comarca, e para levar un documento no que se poida ver cómo é a nosa zona, cómo son os nosos concellos e qué potenciais teñen, que son moitos. A intención é levala por Europa adiante a partires do vindeiro mes de marzo, que será a primeira saída formativa do vindeiro curso”
 
O presidente de Apaga agarda que “isto sexa o comezo dunha estreita relación cos Concellos, nós estamos abertos a calquera tipo de colaboración. E cando veñan grupos de profesores gustaríame contar con vós para que poidan ver todo tipo de institucións e as cousas que nós estamos facendo. Aquí estanse facendo moitas cousas e moitas cousas ben”.
 
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, felicitou a Apaga por esta iniciativa: “eu quero felicitarvos porque nos parece que calquera idea que sexa promover e dar a coñecer o noso territorio, neste caso A Mariña, é importante e creo que debemos apoialas entre todos desde a iniciativa pública, as administracións e todo o mundo en xeral. Pola nosa parte desde a Deputación non podía ser doutra forma, non podíamos deixar de colaborar cunha guía en inglés na que participan practicamente todos os concellos de A Mariña, na que hai inscritos corenta e sete establecementos, que se vai dar a coñecer noutros países a través destes mestres e destes rapaces que van ir estudar e facer prácticas a catorce países da Comunidad Económica Europea”.
 
Para o presidente da institución provincial “o importante de todo isto é divulgar a nosa zona, os puntos de interese turístico, a gastronomía, os hoteis e os restaurantes que hai por aquí, porque sería unha forma de dinamizar un pouco a comarca”. E tivo palabras de agradecemento para “o esforzo realizado tanto por Apaga como por Faro Norte para a elaboración desta guía en inglés, que creo que é importante e que sexa unha idea que non quede aquí e máis adiante poidamos seguir con outras colaboracións entre Concellos, asociacións e a Deputación para poñer en valor e dar a coñecer o noso territorio, que é A Mariña, que é o norte de Lugo que eu creo que ten moito que dicir”.
 
E Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación, contou que “cando Álvaro Doural e a súa asociación (Apaga) se puxeron en contacto con nós, con Faro Norte Comunicación, para levar adiante este proxecto, pareceunos moi interesante dar a coñecer todos os atractivos que ten o norte lugués polo mundo, polos 14 países aos que viaxan estes profesores e profesoras a través dos proxectos educativos nos que participan. Entón puxémonos mans á obra e o resultado final é este que hoxe vos presentamos.”
 
Cruzado sinalou que “esta zona, o norte de Lugo, recibe a milleiros de turistas, sobre todo durante o verán, e a porcentaxe de cidadáns estranxeiros vai en aumento ano a ano. Apaga, a través deste proxecto de internacionalización, pretende poñer o seu gran de area para que isto vaia a máis, aínda que sexa pouco a pouco, e para que toda esta zona sexa máis coñecida. Queremos agradecer a confianza depositada en Faro Norte Comunicación por Apaga, e o apoio da Deputación de Lugo, dos Concellos e das empresas, que coa súa participación fixeron posible que esta guía sexa hoxe unha realidade”.
 
A directora de Faro Norte Comunicación engadiu que “da edición encargouse Faro Norte Comunicación, da tradución ao inglés Carmen Méndez, do deseño Justo García e as fotos foron realizadas e cedidas polos Concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pastoriza, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Xove, polo fotógrafo José Mª Álvez, por Álvaro Doural e por Faro Norte Comunicación”. A primeira tirada da guía The North of Lugo foi de 2.000 exemplares. 
 
Ao acto celebrado no Cabazo asistiron os alcaldes de Barreiros, Burela e Ourol, a alcaldesa en funcións de Ribadeo, os concelleiros e concelleiras de Turismo de Alfoz, Cervo e Foz, a edil de Xuventude de Foz, o técnico de Turismo de O Vicedo, así como representantes das empresas colaboradoras e da asociación Apaga.