Ribadeo convoca xunto a outros 10 Concellos galegos e ás 3 universidades o concurso de vídeos na rede "Youtubeir@s".

Ribadeo convoca xunto a outros 10 Concellos galegos e ás 3 universidades o concurso de vídeos na rede "Youtubeir@s".
 
Os concelleiros de Cultura e Mocidade, Farruco Graña e Vanesa Yanes, presentaron este mediodía o concurso de vídeos na rede Youtubeir@s. Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e de once Concellos, entre os que se atopa o de Ribadeo. Youtubeir@s nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión como vídeotitoriais, para a súa difusión. 
 
O edil nacionalista dixo que “convocamos hoxe aquí os medios para presentar este proxecto que pretende que a presenza do galego na Rede se incremente a través da creatividade e que , pola parte que nos toca, a iso contribúan os veciños e veciñas de Ribadeo, desde os mais mozos aos maiores. É pois unha iniciativa moi aberta”.
 
Graña explicou que “Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e dos Concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e o noso, Ribadeo”.
 
O concelleiro de Cultura indicou que “Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede, nace coa vontade de fomentar a creación de vídeos en galego, tanto de opinión como videotitoriais, para a súa difusión en Internet. O proxecto busca facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios, que poidan ser de interese para outras persoas, a través dunha canle onde miles de millóns de persoas descobren, visualizan e comparten vídeos. Actualmente, Youtube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, chegando a máis de mil millóns de persoas usuarias. É pois un ámbito no que queremos que o galego apareza con máis forza aínda da que ten”.
 
Vanesa Yanes contou que Youtubeir@s diríxise a todos os públicos a partir de 14 anos. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeir@s. Hai dúas categorías: Vídeo-Facermos e Vídeo-Opinarmos. A primera delas é un vídeo-titorial no que se amosan saberes procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender, como por exemplo unha receita, un truco de maxia, manualidade, o uso dun programa informático, etc. E a segunda sería un vídeo no que, de xeito argumentado, se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese. Por exemplo sobre un libro, un filme, unha serie, actualidade, moda, tendencias...”.
 
O prazo para participar en Youtubeir@s está aberto desde hoxe, 1 de decembro, e ata o 28 de abril ás 00.00 h. As inscricións realizaranse a través do formulario dispoñible na web do proxecto: www.youtubeiras.gal, que é a web de referencia para todo o proxecto.
 
A concelleira de Mocidade manifestou: “podedes animarvos desde xa ou agardar a principios de 2017 para perfeccionar as técnicas de youtubeir@ participando en dous obradoiros que se organizan a través de Cultura e Mocidade e que se publicitarán no seu momento”.
 
O concelleiro de Cultura engadiu que “hai varios premios, un por categoría que estarán dotados con 1.000 euros cada un deles. E haberá tamén catro mencións honoríficas dotadas con 500 euros cada unha: creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica  e calidade lingüística. Desde o servizo de normalización lingüística do Concello de Ribadeo anímase a centros de ensino, asociacións , grupos de amigos, persoas individuais…a que enchan a Rede de vídeos en galego”.