Un veciño de Ribadeo, que estaba desempregado, fíxose afiador ambulante e traballa para establecementos e particulares no treito comprendido entre Viveiro e Navia (Asturias).

Un veciño de Ribadeo, que estaba desempregado, fíxose afiador ambulante e traballa para establecementos e particulares no treito comprendido entre Viveiro e Navia (Asturias).
 
Fernando Bouso Rodríguez é natural de A Pontenova e leva máis de 20 anos vivindo en Ribadeo. Como estaba desempregado decidiu recentemente poñer un negocio baseado nun oficio tradicional, o de afiador ambulante, e traballa para establecementos e particulares da Mariña luguesa e o Occidente asturiano, concretamente na zona comprendida entre Viveiro e a localidade asturiana de Navia.
 
Fernando Bouso explica que “estaba no paro e decidín poñer en marcha este negocio porque meu sogro traballaba algo de afiador cando estaba ao fronte da tenda ribadense Casa Vicente, que agora leva a miña muller, e aínda había xente que preguntaba se seguía afiando coitelos, navallas, tesoiras, etcétera. El facíao no almacén da tenda utilizando un esmeril, pero eu agora traballo cunha afiadora refrixerada instalada nunha furgoneta”.
 
Os seus principais clientes son establecementos hostaleiros, carnicerías e peixerías, pero tamén particulares “da Mariña e do Occidente de Asturias, sobre todo de toda a costa luguesa desde Viveiro ata Navia, pero tamén de Mondoñedo, Lourenzá, O Valadouro ou Vegadeo, entre outros lugares. Habitualmente vou unha vez ao mes a cada localidade, aínda que hai algúns restaurantes aos que teño que acudir con máis frecuencia. E tamén recollo encargos que me deixan na tenda Casa Vicente, que está fronte ao centro de saúde de Ribadeo”, comenta Fernando Bouso, quen afía coitelos de todo tipo de tamaño, navallas, machetas, tesoiras, discos de curtafiambres, coitelas de picar carne, etcétera.
 
Ademais de afiar Fernando Bouso vende coitelos dunha prestixiosa fábrica de Albacete e tamén coitelos e navallas que elabora un artesán ferreiro de Vegadeo. Di que está “contento da marcha do negocio, porque para estar empezando vai mellor do que esperaba”.