Unha vintena de empresas e 32 poñentes participarán no V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará en Ribadeo os días 31 de agosto e 1 e 2 de setembro. O evento está organizado por Apaga.

Unha vintena de empresas e 32 poñentes participarán no V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará en Ribadeo os días 31 de agosto e 1 e 2 de setembro. O evento está organizado por Apaga.
 
Máis dunha vintena de empresas do sector da automoción participarán no V Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará en Ribadeo os días 31 de agosto e 1 e 2 de setembro. No encontro organizado por APAGA participarán 32 poñentes, que falarán sobre os últimos avances aplicados á tecnoloxía do automóbil.
 
Na presentación deste Fórum, celebrada na tarde de onte nas instalacións do hotel O Cabazo en Ribadeo, o presidente de APAGA, Álvaro Doural, lembrou que “sumado este ano ás anteriores xornadas de automoción van ser 25 anos nos que Ribadeo acolle este tipo de actividade. Aínda que os inicios sempre son difíciles, sempre houbo un apoio moi claro por parte da empresa. Este ano van estar con nós Man, Bosch, PSA ou Skania, que xa estiveron no ano 91 aquí en Ribadeo iniciando esta actividade”.
 
Doural detallou que “neste momento hai presentadas 62 solicitudes para participar neste V Fórum, 23 empresas son as que van participar e contaremos con 32 poñentes”.
 
O presidente de APAGA lamentou que “desgraciadamente seguimos sen homologación por parte da Consellería de Educación e isto suporía que si realmente tivéramos esa homologación ese número se triplicaría, chegaríamos a preto dos douscentos participantes co que iso suporía para Ribadeo. Seguimos solicitándoa, este ano solicitámola outra vez, non desesperamos e para o ano volveremos solicitala. Espero que algún día algunha xente se dea conta de que é unha equivocación non darnos a homologación tanto deste tipo de actividade como doutras que facemos ao longo do curso. Ao final quen sae prexudicado é o participante que despois non ten esa certificación que ao mellor lle é moi boa para un concurso de traslados ou oposición. Os efectos secundarios neste caso non os sentimos nosoutros senón a xente que ven”.
 
O responsable da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia subliñou que “hai que salientar que todos os participantes que veñen fano costeando os seus gastos, hotel, manutención, etc… o que significa que a xente ten interese en formarse”.
Álvaro Doural comentou que “seguimos sendo fieis á mesma estrutura de programa, pola mañá haberá relatorios e pola tarde talleres. Imos incorporando tamén un elemento importante creo para a zona, que é a presentación daqueles proxectos que fan empresas de aquí. Este ano vaise presentar o día 31 o proxecto Defensor, que é un barco dron que está facendo unha empresa de aquí, que é Aeronáutica de Ribadeo”.
 
O presidente de APAGA resaltou que “nós pensamos tamén nun recurso que hai aí e que se debe intentar aproveitar, que é esa xente que agora xa non están traballando porque están xubilados e que teñen uns coñecementos que é unha pena que se perdan. No seu día incorporamos a Ramón Roca Maseda, que é un experto en vehículos clásicos e que é de aquí de A Devesa. E este ano imos incorporar a Pedro Campos, un enxeñeiro que agora está xubilado e vive aquí en Ribadeo e que consideramos que o seu saber debe darse a coñecer”.
 
Álvaro Doural salientou que “no programa participan primeiras marcas como poden ser Mercedes, BMW ou PSA que veñen presentar a Ribadeo as súas últimas tecnoloxías. No caso de BMW os motores de última xeración. Este ano imos utilizar a videoconferencia, e desde Madrid vai haber o venres unha conferencia do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación, que é que leva o tema das accións europeas. Teremos tamén a colaboración do noso colega Paul Gliet co tema de xestión de baterías”.
 
O responsable de APAGA declarou que “é un programa bastante ambicioso, con moitas horas de traballo e que esperamos dea resposta á xente que veña”. Finalmente Álvaro Doural quixo “dar moitas grazas a todas as entidades colaboradoras porque sen elas non se podería facer este Fórum”.
 
Na presentación deste V Fórum, o presidente da Deputación, Darío Campos, salientou que “a labor de APAGA é importante neste momento no que teñen que formar profesionais de cara ao sector e con este tipo de actividades o que se pretende é dar a coñecer todas as posibilidades que poida ter o sector da automoción na provincia. Desde a Deputación apoiaremos sempre este tipo de actividades”.
 
Nesta presentación o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou: “vexo que hai un compoñente técnico moi importante con moito diálogo, contacto con empresas, con axentes punteiros no sector do automóbil e con tecnoloxías punteiras. É unha honra ter todo isto en Ribadeo para os alumnos e para o sector, aquí non temos a Citroen ao pé, non estamos na contorna industrial de Vigo. Temos moitos servizos e moitos talleres moi competitivos e profesionais, e eu sei que moita xente de vehículos industriais acaba vindo a Ribadeo porque hai xente específica que sabe traballar e que ten boas mans e bos elementos tecnolóxicos. Eu creo que tamén aproveitarán estas xornadas que teñen aquí na casa para formarse, reciclarse e modernizarse e para aprender directamente da fonte limpa”.
 
Pola súa banda o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, quixo “agradecer a APAGA que contara con Barreiros tamén, é o segundo ano que colaboramos na organización deste Fórum. Eu creo que entre todos podemos sumar. Hai un sector de talleres importante tamén en Barreiros, o polígono está medrando e é un sector que está en alza o que quere dicir que hai bos profesionais na Mariña. Creo que hai que seguir así pouco a pouco e animando a todos os Concellos a que vaian participando. Intentaremos entre todos ir sumándonos a estes proxectos”.