Viveiro, Ribadeo e Lourenzá serán escenario dalgúns dos novos obradoiros cos que o Centrad desvela os segredos dos oficios tradicionais.

Viveiro, Ribadeo e Lourenzá serán escenario dalgúns dos novos obradoiros cos que o Centrad desvela os segredos dos oficios tradicionais.
 
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, avanzou este xoves a nova programación de actividades dirixidas principalmente a adultos que o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) organiza durante o vindeiro trimestre. Ofrecerá 12 obradoiros de artesanía que se desenvolverán ata o 27 de xuño na Fundación TIC, nas aulas do Hospital de Día de Saúde Mental e nos Concellos de Bóveda, Lourenzá, Cervantes, Becerreá, O Incio, Viveiro, Abadín, Ribadeo e A Fonsagrada. Grazas a estes talleres, 146 persoas coñecerán os segredos dos oficios artesanais e a tradición do tecido, a tapicería, fotografía, cestería, tala e torneado de madeira, birimbao, arte visual, escaparatismo e fabricación de monicreques. 
No acto, no que tamén estiveron presentes algúns dos artesáns encargados de impartir as actividades, Polín lembrou que o Centro de Artesanía e Deseño “organiza un ano máis estes obradoiros artesanais posto que contribúen ao noso obxectivo de pór en valor a artesanía típica luguesa e de achegar a tradición artesanal e a riqueza cultural da provincia a todos os lucenses”. 
A Deputación pon en marcha estes obradoiros lúdico-didácticos dentro da súa aposta polo impulso dos oficios artesanais como sinal de identidade e atractivo da provincia que xera riqueza. “Apostamos polo noso: pola nosa artesanía, pola de Lugo; pola nosa cultura e pola nosa tradición”, sentenciou Polín. 
A artesá Carmen Pano de la Fuente imparte o curso que neste momento se está a desenvolver no centro sociocultural do Concello de Bóveda, e que terá lugar ata o vindeiro 25 de abril, todos os sábados de 16:00 a 20:00 horas. Os participantes practicarán as técnicas do tecido tradicional a través dunha aprendizaxe nun tear de alto lizo. Tamén está en marcha o curso de iniciación á tapicería, impartido por María Otero Folgueira; o de iniciación ao tecido tradicional galego, baixo as instrucións de Cecilia Carballo Castrillón, e o de iniciación á fotografía, con Peter Schneider como mestre. A escola de Santo Adrao de Lourenzá, a Palloza do Museo Etnográfico de Cervantes e o telecentro de Becerreá acollen estes obradoiros, que terán lugar ata o vindeiro 13 de maio, todos os luns e mércores en horario de 19:00 a 22:00 horas; ata o 28 de abril, os martes e sábados de 16:00 a 20:00 horas, e ata o 8 de maio, todos os luns e venres de 17:00 a 21:00 horas, respectivamente. 
Este sábado dará comezo o obradoiro de birimbao no CEIP Santa María da Fonsagrada, onde os nenos aprenderán a tocar a trompa de boca, instrumento fabricado o pasado ano noutro curso. O 18 de marzo arrancará o taller Arte Visual da iconografía, orientado a todos os interesados no deseño gráfico. Yolanda Díaz Goás ensinaralle aos participantes os temas imprescindibles relacionados coa comunicación visual ata o 27 de abril, de luns a venres de 16:00 a 20:00 horas, nas aulas da Fundación TIC. Tamén, a partir do 30 de marzo e ata o 8 de abril, Margarita Portomeñe ensinaralle aos asistentes as técnicas do escaparatismo e figuras con porispán nas aulas de Día de Saúde Mental. 
Durante o mes de abril comezarán outros catro talleres: Iniciación á Cestería no Incio e en Abadín, Iniciación ao tapiz de alto lizo en Viveiro e Tala e Torneado Artístico en madeira en Ribadeo. A programación da Deputación complétase cun taller de monicreques do 15 ao 19 de xuño no Hospital de Día de Saúde Mental. 
Inscrición
O prazo de solicitude remata cinco días antes da data de comezo de cada obradoiro. As inscricións poderán realizarse mediante internet, na páxina web www.centrad.org Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición.