O campo de fútbol municipal da Veiga abrirá de novo as súas portas este domingo despois das obras de remodelación que promoveu e financiou o Concello de Cervo. Unha instalación que entrará en funcionamento “con fútbol de base”, asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que explica que os primeiros en competir nel serán os xuvenís do CD San Ciprián, nun partido de portas abertas.
Un encontro que, por ese motivo, será simbólico xa que “marcará o comezo dunha nova etapa deportiva no noso concello, cunha instalación que mellorará a forma de adestrar e xogar”, asegura o rexedor. Así, o Concello decidiu convidar a este primeiro partido (11:00 h.) ás xuntas directivas dos catro equipos de fútbol do municipio así como aos equipos de todas as categorías de fútbol base para que formen parte deste evento.
“Fomentar o fútbol de base é o principal obxectivo que pretendemos conseguir coa reforma do campo municipal, que os nenos e nenas, dende pequenos, poidan xogar nun campo de alta calidade que os acompañe na súa práctica e evolución deportiva” explica o rexedor. “Para nós é moi importante que os nenos do noso concello poidan xogar nos equipos locais e non teñan que saír do municipio para adestrar e competir”, engade o rexedor, que matiza que este é un obxectivo “compartido cos clubs do municipio”.
Ademais, ese mesmo día pola tarde tamén estrearán o novo campo os xogadores da categoría superior do CD San Ciprián (16:15 h.), un encontro que tamén será aberto a todos os veciños e ao que foron convidados os representantes das asociacións do municipio, culturais, deportivas ou veciñais para que sexan partícipes “da apertura deste campo, que é de todos”.
Características
A remodelación e modernización do campo municipal da Veiga levouse a cabo cos mellores materiais e de última xeración, sendo o único de Galicia destas características, o cal mellorará o adestramento e o xogo e permitirá un uso intensivo durante todo o ano, e tamén de noite. De feito, a iluminación é de alta potencia pero coidando o consumo eléctrico, xa que se trata de luminarias eficientes, ao igual que toda a instalación, que permite aforrar gastos de mantemento.
O novo campo de fútbol tivo un custo de 380.000 euros financiados polo Concello. Unha obra na que o goberno local contou co apoio dos clubs de fútbol e que en palabras do alcalde “ben seguro que se converterá nun foco de actividade, nunha instalación de referencia para o fútbol de base no noso concello e para o deporte en xeral, sen esquecer o seu papel dinamizador da economía e da sociedade”.