A Cátedra Unesco sobre Alimentación, Cultura e Desenvolvemento celebrará a súa reunión científica anual en Barreiros o 9 e o 10 de xuño

A Cátedra Unesco sobre Alimentación, Cultura e Desenvolvemento (Unesco Chair on Food, Culture and Development), que funciona desde la Universitat Oberta de Catalunya, celebra desde este luns, 9 de xuño, a súa oitava reunión científica internacional na Casa do Concello de Barreiros, canda a 49ª edición do mitin da International Commisssion on the Anthropology of Food and Nutrition (ICAF). 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros colaboran na organización deste encontro científico que reunirá unha trintena de investigadores e expertos procedentes de todo o Estado español, Portugal e Brasil e México e no que analizarán asdinámicas sociais asociadas ao feito —e ao reto— cotián de comer nun contexto de emerxencia climática e global

A inauguración das dúas sesións de traballo, baixo o epígrafe “Paisaxes alimentarias: territorios e identidades sustentables” terá lugar o luns 9 de xuño ás 9.00 horas no Consistorio de Barreiros, coa participación de F. Xavier Medina, presidente de ICAF Internacional, e David Conde Caballero, presidente de ICAF España-Portugal. 

Estará con eles a profesora do Campus de Lugo Elena Freire Paz, da área de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, que forma parte do comité organizador e científico do encontro, e participarán tamén o deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Daniel Castro, e alcaldesa barreirense, Ana Ermida Igrexas.

A emerxencia climática nos montes  comunais en man común galegos, as prácticas alimentarias peregrinas, os valores resistentes e a perspectiva de xénero nas prácticas hortícolas, a etnografía do pastoreo, os esforzos para construír unha gastronomía nacional, as soidades e as tensións centro-periferia no feito de comer ou as dinámicas do reparto a domicilio nas contornas urbanas son algúns dos aspectos que se abordarán. 

Tamén se achegarán pescudas sobre os valores emocionais, acerca das paisaxes ecosistémicas, identitarias e culturais nas que se producen os alimentos como a desnutrición e a fame cultural asociadas aos desastres naturais. Tamén a Mariña terá o seu protagonismo durante as sesións, cunha exposición sobre A Mariña Lab como laboratorio social para reimaxinar o territorio desde a alimentación, que correrá por conta de Lucas Requejo de PRATO_DO. 

A programación complétase o martes, 10 de xuño, cunha visita xeolóxica á praia de Augas Santas ou das Catedrais, en Ribadeo, e un percorrido polo conxunto fabril de Sargadelos (Cervo) e pola cidade episcopal de Mondoñedo. Os congresistas achegaranse tamén ata a denominación de orixe e indicación xeográfica protexida da Faba de Lourenzá e participarán nunha cata de mel e nun encontro con representantes do Colectivo Gastronómico da Mariña.