O concello de Cervo será o escenario da XVIII Monográfica Rexional de Galicia de boxer este domingo, 15 de xuño

O concello de Cervo converterase nun punto de encontro dos amantes dos cans de raza boxer coa celebración este domingo, día 15 de xuño, da XVIII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer.

A cita foi presentada  pola alcaldesa, Dolores García Caramés; o edil de Deportes, David Rodríguez; e polo delegado de Boxer Club España en Galicia, Iván García, acompañado por un dos seus cans de raza boxer  no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que será o escenario do evento, que “a día de hoxe xa conta con máis de trinta exemplares inscritos”, anuncia o Concello de Cervo, que explica: “a exposición morfolóxica concentrarase na xornada do domingo a partir das 10:00 horas e reunirá a criadores, afeccionados e exemplares destacados de toda a rexión e do resto do estado, converténdose nun escaparate do mellor da cría desta emblemática raza”.

A xuíza Ana Paola Díaz Esteban será a encargada de xulgar a todos os participantes nas diferentes categorías, con premios para o mellor boxer nacido en Galicia, o mellor veterano, a mellor promesa, o mellor xove ou o mellor de raza, entre outras moitas categorías.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a achegarse durante esa xornada a Sargadelos “para desfrutar dun día diferente a través deste encontro que reunirá aos mellores exemplares desta raza e que combina divulgación, deporte canino e lecer ao aire libre”, tal e como apuntou a alcaldesa.

A inscrición aínda está aberta e toda a información está dispoñible nas redes sociais da Delegación Galega Boxer Club España.