A festa de San Xoán de A Rebolaxe en San Ciprián (Cervo) celébrase o 23 de xuño

O Concello de Cervo anima a veciñanza e visitantes a participar na tradicional Festa de San Xoán de A Rebolaxe, que se celebrará o luns 23 de xuño, no aparcamento do estanco da Praia do Torno, en San Ciprián, a partir das 19:30 horas.

“A festa dará comezo coa actuación dos gaiteiros de Saíñas, de Xove, que animarán a primeira parte da celebración. Tamén haberá bocadillos de panceta, chourizo e salchicha á venta para as persoas asistentes. A partir das 21:00 horas terá lugar o concerto de David y Leo e ás 23:00 horas prenderase a tradicional fogueira de San Xoán, un dos momentos máis esperados da noite”, anuncia o Concello de Cervo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destaca “a importancia destas celebracións populares e o traballo e a implicación do grupo A Rebolaxe, que un ano máis organiza esta festa con moito agarimo e esforzo, brindándonos unha oportunidade perfecta para reunirnos e desfrutar desa noite especial. Desde o Concello convidamos a todo o mundo a achegarse a San Ciprián para celebrar esta noite máxica, un ambiente festivo, con música en directo e a tradicional queima da fogueira”.

O evento está organizado polo grupo veciñal A Rebolaxe, coa colaboración do Concello de Cervo.