A rapa das bestas do Campo do Oso (Mondoñedo) abre o 29 de xuño a tempada destas celebracións populares

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que a tempada de rapas en Galiza abrirase o domingo 29 de xuño coa celebración da Rapa das Bestas do Campo do Oso (Mondoñedo), que este ano se realizará nun curro novo.

O deputado de Rural, Daniel García, acompañado polas gandeiras e gandeiros que  organizan a rapa e polo concelleiro de Mondoñedo Eloi Cabanas, visitaron este novo recinto construído pola Asociación Cultural Rapa das Bestas Campo do Oso con financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegou 10.000 euros. Trátase dun recinto de 40 metros lineais de perímetro, realizado con postes de madeira tratada, que substituirá o antigo curro, vandalizado en 2024, e ao emprazamento provisional no que se celebrou a edición do ano pasado.

Daniel García destacou “a tenacidade das gandeiras e gandeiros que impulsan a rapa, mantendo unha tradición que reflicte unha forma de vida e de relación cos animais e co territorio que forma parte do noso patrimonio” e ratificou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo “coa gandería extensiva, con colaboración específicas coma esta, pero sobre todo con accións e programas como O que non arde ou Da Escola á Granxa e colaboracións estables coas asociacións agrogandeiras”

A xornada comezará ás 10.00 horas coa saída dos xinetes para reunir e baixar os cabalos cara ao curro. Desde ás 12.00 horas a atención centrarase no propio curro, onde “os aloitadores e as aloitadoras medirán as súas forzas cos animais seguindo unha tradición que se mantivo xeración tras xeración e que ten como obxectivo rapar, identificar e desparasitar os cabalos que se crían en liberdade nos montes de Santa María Maior”.

O curro será o centro dunha xornada na que a área de Rural promocionará os produtos de carne de cabalo de Pura Raza Galega co programa Un gusto de rural, Un rural degusto, en colaboración coa Asociación de Criadores de Pura Raza de Cabalo Galego Puraga. Desde ás 13:00 horas o público poderá degustar gratuitamente unha hamburguesa de carne de poldro.

O programa da rapa inclúe tamén sesión vermú desde ás 14.00 horas, un xantar popular e animación musical durante a tarde.