
O Concello de Cervo anuncia que “continúa reforzando o seu compromiso co deporte base e a promoción das disciplinas acuáticas. Así a próxima fin de semana, os días 28 e 29 de xuño, a piscina municipal será o escenario dos Campionatos Galegos Infantil e Alevín Mixto de Waterpolo, organizados pola Federación Galega de Natación (FEGAN) en colaboración co propio Concello”.
Na presentación deste evento deportivo participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; o edil de Deportes, David Rodríguez; e o presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión, que “coincidiron en destacar a importancia de traer a Cervo unha competición deste nivel, que reunirá aos mellores clubs das categoría e que supón un recoñecemento á calidade das instalacións e á aposta polo deporte acuático no municipio”.
Os clubs participantes no campionato alevín mixto (sábado) serán estes: CW Santiago, CW Coruña Rías Altas, CW As Mariñas, Club Marina Ferrol, RCN de Vigo e CW Pontevedra.
E no campionato infantil mixto (domingo) participarán: CW Santiago, CW Coruña Rías Altas, CW As Mariñas, RCN de Vigo, CW Pontevedra e CW Lugo.
A alcaldesa de Cervo subliñou: “é unha gran satisfacción para nós converternos de novo en sede dun campionato galego, neste caso de waterpolo, e seguir posicionando Cervo como un referente para o deporte de base. Este tipo de competicións serven para dinamizar o noso concello a durante o verán e reforzan o noso compromiso co deporte formativo e coa vida activa da nosa mocidade”. Ademais agradeceu á FEGAN a súa confianza e desexoulles moita sorte a todos os equipos participantes.
Desde o Concello destacan ademais “o valor engadido que ten achegar á veciñanza deportes menos coñecidos como o waterpolo, ofrecendo a oportunidade de descubrilos en directo e fomentar novas vocacións deportivas entre os máis pequenos. Este tipo de eventos tamén serven como ferramenta de divulgación e educación deportiva, abrindo o abano de disciplinas máis aló das máis tradicionais”.