Lieiro, en Cervo, celebra as festas de Santa Isabel do 4 ao 7 de xullo

O Concello de Cervo anuncia que a parroquia de Santa Isabel de Lieiro “xa está preparada para vivir a fin de semana máis importante do ano, coa celebración das Festas na Honra de Santa Isabel, que se celebrarán esta fin de semana, desde este venres, 4 de xullo, ata o luns 7. A tradicional cita do verán cervense foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés: polo edil de Zona Rural, Adrián Arias; e por unha representación da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, que se encarga da organización, coa colaboración do Concello”.

O programa arrincará este venres ás 23.00 horas, coa celebración da Festa da Xuventude, con Dj Alejandro Martínez e Conxuro discomóvil.

O sábado a xornada comezará ás 13:00 horas coa misa solemne na capela do Gioncho e ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú  a cargo da orquestra Ritmo Joven. Chegada a noite as orquestras Panorama e Ritmo Joven amenizarán a verbena desde as 22.30 horas.

O domingo, 6 de xullo, a misa solemne está prevista para as 12.30 horas na Igrexa Parroquial de Lieiro cantada pola coral Terra Mar, seguida de procesión e ao termo do acto será o grupo Da Silva o que amenizará a sesión vermú. Entrada a noite as orquestras Gran Parada e Waikas porán a nota musical desde as 22.30 horas.

O luns 7, último día da festa, o grupo Mistura de Lieiro actuará ás 19:00 horas, seguido da popular sardiñada, que comezará ás 20:00 horas. Chegada a noite Tania Veiras e a orquestra Galilea amenizarán a verbena desde as 21.30 horas.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a “sumarse a esta gran festa, un evento máis que consolidado como un clásico do verán no noso concello que edición tras edición conta cun cartel inmellorable”.

A alcaldesa tamén quixo felicitar aos membros da Comisión, “formada por unha mistura enriquecedora de idades que reflicte o compromiso interxeracional coa promoción da nosa cultura” e desexoulles “unhas festas cheas de éxito e participación, que sigan facendo da Santa Isabel un referente no noso municipio e en toda a bisbarra”.