
O Concello de Foz anuncia que o verán no municipio “concentra actividades de todo tipo e este ano as noites tamén terán contido para que rapaces e rapazas teñan alternativas para desfrutar. Estas actividades do programa Noites Alternativas desenvólvense a partir das dez da noite para mozos de 10 anos en diante”.
As Noites comezarán a vindeira semana, co fútbol sala 3x3 no Campo da Cabana, os días 7, 9 e 10 de xullo. O 28 e 29 será a quenda do lasertag. O wipeout será o 4, 6 e 7 de agosto. As seguintes actividades trasladaranse á praia da Rapadoira: os días 11, 12 e 13 de agosto haberá volei praia e o 18, 20 e 21 de agosto, fútbol praia; para rematar o 25, 27 e 28 co baloncesto 3x3 de novo no polideportivo do Campo da Cabana.
“Son deportes moi demandados e este ano incluímos como novidade o lasertag, un xogo moi divertido para manter a atención sempre alerta”, explica o concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, que engade: “as inscricións deberanse facer no correo asnoites@concellodefoz.es e sempre ata ás 00.00 horas do día anterior ao inicio da actividade. Toda a información e os formularios están na web do Concello de Foz (www.concellodefoz.gal). Para calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 982.133.037”.
E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, anima “a anotarse nas Noites Alternativas xa que as rapazas e rapaces están de vacacións e é momento de desfrutalas con actividades divertidas que ademais fomentan a realización de exercicio físico, a creación de vínculos e un ocio saudable moi necesario”.