Ribadeo acolle ata o 27 de agosto unha exposición con fotos da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX

ABANCA, Afundación e o Concello de Ribadeo inauguraron este xoves a exposición titulada Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española non século XX, que se poderá visitar ata o 27 de agosto na Oficina de Turismo de Ribadeo en horario de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Ao acto asistiron o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro; a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano; e a subdirectora de ABANCA en Ribadeo, Chus Vizcaíno.

Afundación explica que “esta colaboración forma parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004”.