
A parroquia de Sante, no concello de Trabada, celebrará o domingo 31 de agosto unha xornada de deporte, natureza e gastronomía coa organización da II Ruta de Sendeirismo Voltiña a Sante e unha paellada popular. A actividade está promovida pola Asociación de Veciños San Julián de Sante e Trabada paso a paso, coa colaboración do Concello de Trabada.
A ruta dará comezo ás 11:00 horas desde o Teleclub de Sante, con dúas opcións de percorrido: unha máis curta de 6,04 km e outra longa de 8,36 km, ambas de dificultade media e cunha duración aproximada de 2 horas e media. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo.
Tras o sendeirismo, a partir das 14:30 horas, o polideportivo de Sante converterase no punto de encontro para a paellada popular, na que se servirá un menú completo con paella mixta, pan, bebida, sobremesa e café. Os prezos son de 15 euros para socios/as, 20 euros para non socios/as e 15 euros para as persoas participantes na ruta. A comida estará amenizada polo DJ Marco.
As inscricións poden realizarse ata o 28 de agosto a través dos teléfonos de Miguel (636.024.263) e Amparo (677.331.980).
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “esta iniciativa é un magnífico exemplo de como unir deporte, tradición e gastronomía para dinamizar a vida das parroquias. Desde o Concello apoiamos con firmeza o traballo das asociacións, que contribúen a fortalecer a convivencia e poñer en valor o noso territorio”.
Desde o Concello e a organización anímase á veciñanza e visitantes a participar desta xornada, “pensada para desfrutar do sendeirismo e da boa compañía nun ambiente festivo e participativo”.