A Praza de Abastos de Ribadeo acollerá os días 29 e 30 de agosto as Experiencias de Calidade con catas, degustacións e showcookings

A Praza de Abastos de Ribadeo collerá o venres e o sábado (29 e 30 de agosto) as Experiencias de Calidade con catas, degustacións e showcookings. Están enmarcadas nos Días de Sabor da programación especial de Acisa O noso comercio é vida, vive Ribadeo. 

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, contou que “a Praza de Abastos de Ribadeo converterase os días 29 e 30 de agosto no escenario das Experiencias de Calidade, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Ribadeo e cofinanciada pola Unión Europea, que busca poñer en valor a artesanía alimentaria e os produtos galegos con denominación de orixe, no marco das actividades excepcionais deste mes de agosto impulsadas por  Acisa dentro da programación O noso comercio é vida, vive Ribadeo”.

Cruzado Iglesias explicou que “durante dúas xornadas o público asistente poderá gozar de catas comentadas, degustacións e demostracións gastronómicas, coa participación de expertos, sumilleres e recoñecidos cociñeiros galegos”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o venres 29 de agosto a programación arrincará ás 11:00 horas cunha cata-degustación de queixos galegos con DOP, protagonizada polos gañadores dos premios Ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2024, da man de Salomé Beiroa, catadora e membro do panel oficial de cata. A continuación, ás 12:00 horas, o chef José Manuel Mallón (Espazo Gastronómico Remollo, Ames) ofrecerá un showcooking maridado con Tenreira Galega e Viños Galegos con DO, e ás 13:00 horas presentará unha sesión dedicada á artesanía alimentaria”.

E engadiu: “o sábado, 30 de agosto, as actividades retomaranse ás 11:00 horas cun almorzo de artesanía alimentaria, tamén da man de José Manuel Mallón. Ás 12:00 horas o público poderá gozar dunha nova demostración de cociña con Tenreira Galega e viños con denominación de orixe, e ás 13:00 horas terá lugar a cata-degustación de viños galegos con DO premiados nas Catas de Galicia 2024, conducida por Lucía Trelles, sumiller e copropietaria do restaurante El Oviedo (Ribadeo)”.

Cruzado Iglesias indicou: “as Experiencias de Calidade chegan a Ribadeo co obxectivo de achegar ao consumidor á riqueza e diversidade dos produtos galegos, impulsar a súa visibilidade e promover un consumo consciente e responsable. Ademais, esta programación pretende dinamizar os mercados locais, converténdoos en espazos de encontro e goce arredor da cultura gastronómica galega e facéndoos destacar como referente na venda de produtos de proximidade”.

Pérez Prada subliñou que “a iniciativa tamén busca reforzar as sinerxías entre o comercio local e a hostalaría, co obxectivo de que o Mercado de Abastos sexa un punto de referencia non só para a cidadanía, senón tamén para as empresas vencelladas ao mundo da gastronomía. Por último, pretende achegar a labor dos Centros Comerciais Abertos (CCA) á Prazas de Abastos, contribuíndo a reforzar e mellorar o traballo conxunto en beneficio da economía local. A actividade enmarcase nos DÍas de Sabor de Acisa Ribadeo, na súa programación especial O noso comercio é vida, vive Ribadeo, coa que colabora a Xunta de Galicia aportando esta iniciativa. Animamos a veciños, visitantes e amantes da boa mesa a participar nunha experiencia única arredor dos sabores de Galicia”.

O alcalde, Dani Vega, dixo: “Experiencias de Calidade, na Praza de Abastos de Ribadeo, dentro da actividade Gastropraza, en colaboración con Acisa e coa financiación da Xunta de Galicia, vamos realizar esas experiencias de calidade, seguir traballando e facendo pedagoxía sobre os produtos de calidade, sobre os produtos de proximidade e o venres 29 vai a ver unha degustación de queixos galegos que estean dentro das denominacións protexidas, todos os gañadores de ouro das catas dos queixos de Galicia que foron premiados no 2024 van vir todos a Ribadeo para facer esa degustación, esa demostración de queixos de denominación protexida. Tamén vai haber espazo para a tenreira rubia galega, para os viños galegos e para a artesanía de Galicia”. 

O rexedor explicou que “o venres dende as 11 da mañá ata as dúas da tarde vai haber actividades que van  dinamizar a Praza de Abastos e vamos ter posibilidade de degustar produtos de calidade e de proximidade. E o sábado, 30 de agosto, tamén haberá un espazo de artesanía alimentaria, un espazo gastronómico, para degustar produtos de IXP, volve haber espazos para a tenreira galega e tamén haberá catas deses viños premiados no 2024”.  

E engadiu: “trátase dun espazo gastronómico que vai unido evidentemente coa Praza de Abastos e  seguir facendo actividades dentro da Gastropraza, en colaboración con Acisa e co financiamento da Xunta de Galicia. Quedades convidados a visitar a Praza de Abastos  tanto o venres 29 de agosto como o 30 de agosto”.
Máis información en: www.experienciasdecalidade.gal